O Tambre Golf & Croquet do Concello de Oroso acolleu, do 12 ao 14 de decembro, a VII edición do Torneo de Nadal, unha cita xa consolidada no calendario deportivo do municipio e da comarca, que reuniu un elevado número de participantes e contou cun excelente ambiente ao longo de todas as xornadas.
O torneo desenvolveuse con normalidade e nun clima de convivencia deportiva, poñendo en valor tanto as instalacións do Tambre Golf & Croquet como o compromiso coa promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables.
O acto de entrega de premios contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e do alcalde de Oroso, Álex Doval, quen quixeron acompañar ás persoas participantes e á organización, destacando a importancia deste tipo de eventos para dinamizar a actividade deportiva e social do concello.
Ambos representantes puxeron en valor o traballo da organización e agradeceron a participación de deportistas e colaboradores, subliñando o papel de Oroso como sede de eventos deportivos de referencia.
Os vencedores desta nova edición do Torneo de Nadal no Tambre Golf & Croquet foron, en categoría Scratch, Jacobo Carollo, primeiro, e Gustavo Nieves, segundo. En Hándicap-1ª, o vencedor foi Dani Pereiro e o segundo posto para Javier De Francisco. En Hándicap-2ª, Rubén Álvarez subiuse ao máis alto do podio por diante de José Antonio Brea, mentres que Mateo Rosende proclamouse campión Sub-16.
Desde o Concello de Oroso felicítase ás persoas premiadas e agradécese a participación de todos os xogadores e xogadoras, así como o labor da organización e do persoal de Tambre Golf & Croquet, que fixeron posible unha nova edición deste torneo, reafirmando o compromiso do municipio co deporte e coa celebración de eventos de calidade.




