O XXI Curtocircuíto pechou esta nova edición coa gala de entrega de premios e con récord de asistencia nas seccións ‘Criaturas’ e ‘Teenage Riot’ con máis de 1.400 escolares
O XXI Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto baixou o pano, o pasado 6 de outubro, no Teatro Principal de Santiago coa gala de entrega de premios aos mellores traballos dos 42 filmes que se presentaron ás tres seccións competitivas.
Las novias del sur de Elena López Riera recibiu o Premio Cosmos á mellor película española, así como o Premio do Público neste XXI Curtocircuíto, no que o traballo de Keto Kipiani, It Will Be Better Before, foi galardoado co Premio Cosmo á mellor película.
“Curtocircuíto é un referente na procura e na exhibición de talento audiovisual, galego e internacional. Compostela ten a sorte de contar cun espazo interdisciplinario como este”, indicou a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a gala de entreda de premios na que estivo acompañada pola concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, a concelleira de Xunventude, Marta Rozas, a responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González,o polo director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.
O director artístico do XXI Curtocircuíto, Pela del Alamo, valorou moi positivamente esta nova edición que “foi un éxito de público” e remarcou que “sentimos unha boa conexión coa asistencia e un grande interese pola programación, e este novo formato, interdisciplinario, tamén está a ter moi boa acollida, agora precisa de algo de tempo para consolidarse, mais tivo un bo comezo”.
Nesta nova edición, na que a temática do mar e a igualdade foron os protagonistas, xunto cun novo formato que foi más alá das tradicionais proxeccións, bateuse o récord de asistencia nas seccións Criaturas e Teenage Riot con máis de 1.400 escolares.
A gala de clausura do XXI Curtocircuíto, que pon fin a unha semana de cinema, música, encontros e sesións especiais, comezou co espectáculo CRISPR, the Pattern of Life AV de Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), e rematou coa proxección da película gañadora do Premio do Público.
Premios e premiados XXI Curtocircuíto
- Premio Cosmos á mellor película: It Will Be Better Before de Keto Kipiani
- Premio Cosmos á película máis innovadora: Exit Through the Cuckoo’s Nest de Nikola Ilic
- Premio Cosmos á mellor película española (patrocinado por RC Service): Las novias del sur de Elena López Riera
- Premio Supernova: Pura de Carmen Méndez
- Premio Planeta GZ: Humedalia de Irene Sáenz Carballeira
- Mención especial: La fotografía velada de Sabela Eiriz
- Premio do Novo Xurado: For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World de Gala Hernández
- Mención especial: Frialdad de Andrea Sánchez
- Premio Cátedra Cruz Vermella – USC: Pura de Carmen Méndez
- Premio #OutraCompostela (patrocinado pola concellaría de Turismo do Concello de Santiago a través da Santiago de Compostela Film Commission): Fontes de Mario Elías Blanco Boullosa e Andrea Rodríguez Regodeveses
- Premio do Público (patrocinado por GADIS): Las novias del sur de Elena López Riera