PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Os socialistas critican que a Xunta ofrece unha visión da educación galega “fóra da realidade”

PorBisbarra

Sábado, 14 Setembro 2024 , ,
Julio Abalde censura a diferencia de criterio para bonificar as matrículas universitarias

O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Abalde, criticou a visión optimista “pero fóra da realidade” que ofreceu o conselleiro na súa comparecencia no pleno. Na súa intervención, o deputado do PSdeG lembroulle as protestas que se repiten “en cada inicio de curso” por parte da comunidade educativa, e que “necesitan resposta” da Consellería, “pero non a atopan”.

Abalde criticou que para o conselleiro “todo o bo corresponde á Xunta e todo o malo ao Goberno central”, pero omite que boa parte dos plans que o seu departamento exhibe como avances “están financiados polo Goberno” e a Unión Europea. Ademais, pese á posta a disposición de fondos por parte do Estado, a Administración galega incumpre os acordos coas centrais sindicais, especialmente no tocante ás ratios de alumnos por aula, fiando a rebaixa “ao descenso demográfico, que vai facendo que se axusten sen investimento”, e sen incrementar o número de docentes.

Tamén existen problemas importantes na renovación das infraestruturas educativas, con numerosos centros que necesitan “reformas imperiosas” e non se levan a cabo mentres a Consellería non pon enriba da mesa os criterios que segue o programa de renovación de infraesturas pedagóxicas, xa que, denunciou o parlamentario socialista, non se teñen en conta aspectos tan relevantes coma a antigüidade.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

En canto ás axudas ás familias, insistiu en que mentres o conselleiro fala de “apoio en todas as etapas”, négase a facilitar a gratuidade dos libros de texto, coa que cada unidade familiar aforraría arredor de 6.000 euros durante a primaria e a secundaria. “Non se pode utilizar un criterio para os libros de texto e outro distinto para as matrículas universitarias”, afirmou, ao tempo que apuntou que a gratuidade destas últimas non é o garante da igualdade entre todo o estudantado, senón que o son as bolsas do Estado.

Julio Abalde referiuse tamén á situación do alumnado con necesidades especiais, cunha redución do número de profesores especialistas e coidadores que está a afectar tanto aos nenos e nenas coma ás súas familias. Puxo como exemplo do que está a acontecer en numerosos centros o que ocorre no colexio Cernadas de Castro, de Lousame, onde a Xunta vén de retirar un especialista de audición e linguaxe e un coidador pese a que no centro estudan tres nenos con autismo ou un alto grao de dependencia, que quedan atendidos por un só coidador. Tamén se vai resentir a atención aos 30 nenos e nenas con dislexia, retrasos temporais da linguaxe e outras circunstancias que precisan de atención.

“A inclusión educativa e a diversidade da educación non poden obedecer só a unha aplicación fría e ríxida das ratios”, advertiu Abalde.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.