PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Os socialistas denuncian que “a Xunta menoscaba os dereitos das mulleres”

PorBisbarra

Sábado, 14 Setembro 2024 , ,
A deputada Paloma Castro sinala eivas como un déficit de información ás usuarias

A deputada socialista Paloma Castro denunciou unha serie de incumprimentos por parte da Xunta de Galicia en materia de saúde reprodutiva das mulleres e esixiulle ao Goberno de Rueda que lles poña fin. En concreto, referiuse a varios preceptos contemplados na Lei orgánica 1/2023, pola que se modifica a de 3 de marzo de 2010, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Castro explicou que a norma do 2023 introduce “as modificacións necesarias para garantir a vixencia efectiva dos dereitos reprodutivos das mulleres en España”, pero que máis dun ano despois da súa entrada en vigor a súa aplicación non é uniforme en todas as comunidades autónomas.

A lei esixe que se ofreza información suficiente sobre a interrupción voluntaria do embarazo, algo que, denuncia a deputada do PSdeG, “non se está a cumprir nalgunhas áreas sanitarias” de Galicia. Tamén obriga a garantir esa prestación nos centros hospitalarios “de acordo con criterios de gratuidade, accesibilidade e proximidade, establecendo os dispositivos e recursos humanos suficientes”, pero, segundo se desprende do último informe emitido polo Sergas, “existen máis derivacións das desexables a centros privados de carácter extrahospitalario”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Por outra banda, é de obrigado cumprimento a creación dun rexistro de obxectores de conciencia entre o persoal sanitario, co fin de garantir “tanto a seguridade xurídica e o pleno respecto ao dereito das mulleres a interromper o seu embarazo como o dereito dos profesionais á obxección”. Ese rexistro aínda non existe en Galicia, criticou Paloma Castro.

Todas esas deficiencias levaron á deputada a rexistrar unha serie de iniciativas a través das que o Grupo Socialista lle esixe ao Goberno do PP que cumpra a lei e que deixe de “menoscabar” os dereitos das mulleres. En concreto, especifica que a Xunta debe facilitar información suficiente sobre o proceso, a normativa e as condicións para interromper voluntariamente o embarazo, como tamén garantir que os centros hospitalarios públicos de todas as áreas sanitarias ofrecen esa prestación nos casos legalmente previstos. Finalmente, reclama a creación do rexistro de obxectores de conciencia contemplado na lei.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.