No Partido Popular de Galicia pregúntanse cando vai recibir Pedro Sánchez ao presidente Alfonso Rueda logo de que xa pasaran seis meses e medio desde as eleccións autonómicas e que neste tempo só houbese negativas que supoñen “unha falta total e absoluta de respecto institucional” e “un desprezo non só ao presidente autonómico de Galicia, senón a todos os galegos e galegas”.
“Estamos ante a constatación de que, unha vez pasado o 18 de febreiro, a Sánchez deixoulle de interesar Galicia”, afirmou a este respecto a secretaria xeral Paula Prado esta mañá nunha rolda de prensa na que se amosou escéptica ante o feito de que o presidente do Goberno anunciara unha rolda con todos os presidentes autonómicos: “¿Será certo que se celebrará esa xuntanza ou será unha mentira máis do señor Sánchez? No caso de producirse, a reunión co presidente Rueda chegará tarde, mal e arrastro”.
En contraposición a Sánchez e aos seus socios, que “elixen castigar a Galicia”, reivindicou ao Partido Popular como “o partido líder en toda España fronte aqueles que queren acabar co modelo e a igualdade actuais e aqueles que ven normalidade onde a gran maioría vemos feitos insólitos”.
Ironizou así co feito de que o PSOE e o BNG “vexan normal conceder un cuponazo a Cataluña, amnistiar a aqueles que só buscan a independencia e o fin da unidade territorial ou consolidar réximes ditatoriais como o de Venezuela”. Nada disto, remarcou, é normal. Como tampouco o é que “as infraestruturas de Galicia sexan agraviadas só porque aquí goberna o PP”.