A Xunta de Galicia instalou sete paneis informativos na contorna do río Condomiñas, no Concello de Cedeira. O obxectivo é mellorar a concienciación da veciñanza sobre o risco de asolagamentos nesta zona, identificada como Área de Risco Potencial e Significativo de Inundación (ARPSI).
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, estes paneis buscan incrementar a sensibilización pública na preparación ante posibles inundacións. Así, reduciranse os riscos potenciais dando a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas.
Esta actuación enmárcase no Plan estratéxico de divulgación das ARPSIs, deseñado por Augas de Galicia a finais de 2021. Este inclúe medidas de prevención, preparación, protección e recuperación. Así pois, os paneis informativos están instalados actualmente nos ARPSIs de Cedeira, Carballo, Sanxenxo, Bueu, Vimianzo, Zas e Sada.
A maiores, este plan estratéxico inclúe actividades divulgativas en centros de ensino. No caso de Cedeira, leváronse a cabo no CEIP Nicolás del Río e chegaron a preto dun cento de estudantes. Asemade, desenvólvense accións comunicativas coa inserción de mensaxes en redes sociais e a elaboración dun blog por parte de Augas de Galicia, que conta cun apartado específico de inundacións.
PLAN DE RISCOS DE INUNDACIÓN
A conselleira estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na visita á contorna do río Condomiñas. Alí lembrou que o Goberno galego está a traballar na redacción do futuro Plan de riscos de inundación 2028-2033. Neste sentido, xa se catalogaron un total de 172 áreas fluviais con risco potencial de inundación na bacía Galicia-Costa. Trátase dun paso imprescindible para coñecer os puntos máis sensibles dentro desta conca ante eventos de chuvia extremos ou eventuais episodios de asolagamentos.
Son dúas áreas máis que as que recolle o plan vixente 2021-2027. Ademais de ampliar un tramo xa identificado como inundable no río Anllóns ao seu paso por Ponteceso, tamén inclúe o rego dos Corrais, en Ferrol, e o río Serantes, en Oleiros.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático referiuse finalmente ao investimento realizado por Augas de Galicia en Cedeira desde 2009. Este ascende a máis de 10,2 millóns de euros. Ademais, na comarca de Ferrol a Xunta está a mobilizar preto de 100 millóns de euros a través dun paquete integrado por 10 actuación. Este pretende contribuír a optimizar o funcionamento dos sistemas de saneamento, depuración e abastecemento que dan servizo aos municipios de Ferrolterra. Neste senso, abrangue actuacións executadas nos últimos 4 anos, en marcha ou comprometidas nestes intres.




