PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Presentan os resultados da calidade das augas do Ulla

PorBisbarra

Luns, 11 Novembro 2024 , , , ,
O estudo apunta a que “os valores obtidos para os parámetros fisicoquímicos e a composición das augas do Río Ulla son, segundo a normativa aplicable, propios de augas dunha calidade moi boa”

A OPP89 Parquistas de Carril e Cobre San Rafael veñen de recibir os resultados do último informe realizado en colaboración coa Rede de Estación Biolóxicas da USC (REBUSC), no que se cualifica que, segundo a normativa aplicable, a calidade das augas do Río Ulla é “moi boa”.

O reporte de REBUSC destaca ademais que, en relación aos metais disoltos, en ningunha das estacións de mostraxe, presentáronse valores superiores aos niveis de referencia definidos pola lexislación. Nalgúns casos, o valor medio atópase 5 veces por debaixo do de referencia. Este estudo forma parte dun convenio de colaboración entre a OPP89 de Carril e Cobre San Raafael para estudar parámetros de calidade das augas e factores ambientais que poidan ter incidencia nas producións de Parquistas.

Estas campañas de monitorización son desenvolvidas, desde o ano 2022, pola Estación de Hidrobiología Encoro de Ou Con, e a Estación de Bioloxía Mariña da Graña, ambos os centros pertencen á REBUSC, Universidade de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

RESULTADOS DAS MOSTRAS DE 2024

Na campaña de mostraxe, realizada o pasado mes de maio, seleccionáronse 14 estacións de control, onde se determinaron parámetros físico-químicos in situ, e recolléronse mostras de augas para analizar nitratos, fosfatos e metais disoltos, así como os factores microbiolóxicos (coliformes totais, coliformes fecais e enterococos). Adicionalmente, tamén se analizaron trazas dos metais incluídos dentro da lista de substancias preferentes e prioritarias (Real Decreto 817/2015) que establece os criterios de seguimento e avaliación do estado das augas superficiais e as normas de calidade ambiental. En concreto, determina os niveis legais para o cadmio, chumbo, cobre, cromo, cinc, níquel e mercurio.

UN ESTUDO CON TRES CONCLUSIÓNS

A primeira delas é que os valores obtidos para os parámetros fisicoquímicos e a composición das augas do río Ulla son, segundo a normativa aplicable, propios de augas dunha calidade moi boa. Ningunha variable mostra unha situación de risco ou preocupación. Subliñan que, “en canto aos metais disoltos, ningunha estación amosou valores superiores so niveis marcados pola lexislación (RD 817/2015). En segundo lugar, en canto ao estudo microbiolóxico mostra a posible existencia de verteduras que deberían ser monitorizadas no tempo, destacando os valores elevados na zona de confluencia do Sar co Ulla”.

Por último, o informe recomenda realizar novas mostraxes e un seguimento continuo da calidade das augas nos bancos marisqueiros e no propio río Ulla, incluíndo estudos microbiolóxicos e biolóxicos augas arriba da localidade de Padrón e nos seus tributarios; co fin de identificar as presións antrópicas que afectan á calidade das augas e ao ecosistema fluvial no seu conxunto.

UN ESTUDO CON DÚAS FASES

A Fase I céntrase na seguimento espazo-temporal da calidade das augas do río Ulla no tramo comprendido entre Padrón e a súa desembocadura. Tomáronse mostra nun total de 14 localidades en diferentes períodos do ano. A responsabilidade desta parte do estudo lévao a cabo a Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con (Vilagarcía). A Fase II céntrase na monitorización da calidade das augas na contorna inmediata aos bancos marisqueiros de Carril. Para iso instaláronse sondas que determinan variables definidoras da calidade da auga como son o osíxeno disolto, acidez, salinidade e concentración de clorofilas.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.