PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Punxín contará coa primeira terma ao aire libre totalmente accesible de España

PorBisbarra

Venres, 13 Decembro 2024 , ,
A área termal do Bañiño fará as dúas pozas exteriores accesibles con ramplas.A área termal do Bañiño fará as dúas pozas exteriores accesibles con ramplas.

A área termal do Bañiño, no Concello de Punxín, contará coa primeira piscina ao aire libre adaptada e accesible para persoas con mobilidade reducida. Será grazas ao compromiso da Deputación de Ourense, que consolida a súa aposta polo termalismo. Así, a institución provincial, a través do Plan de Sostibilidade Ourense Termal, cofinanciado coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, promove este proxecto, que xa conta coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Esta novidade vén complementada con outras actuacións de mellora nesta área termal, financiadas pola Deputación de Ourense.

A actuación para crear a primeira terma ao aire libre totalmente accesible de España conta cun orzamento de 36.705,59 euros e permitirá mellorar a oferta do Bañiño. O principal obxectivo desta actuación é crear unha terma totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida, pero tamén mellorar a percepción do destino para todo tipo de persoas usuarias.

Actualmente, O Bañiño dispón de dúas pozas, ás que se accede a través dunhas pequenas escaleiras de pedra. Aínda que dispoñen de varandas a ambos lados para facilitar o acceso, non son axeitadas para o baño de persoas en cadeira de rodas ou con problemas de mobilidade.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

MÁIS ACCESIBLE CUNHA CADEIRA DE RODAS PARA AUGA

Nesta liña, para a construción da piscina especialmente accesible a persoas en cadeira de rodas, aproveitarase a disposición das pozas actuais e a pendente do terreo, construíndo un acceso en rampla.

Ademais, ofrecerase unha cadeira acuática especial para o uso en piscinas. As cadeiras convencionais están fabricadas con metais que se estragan co cloro das piscinas, a auga salgada ou os elementos disolvidos na auga como o xofre. Porén, a cadeira de rodas acuática está fabricada en materiais plásticos na súa totalidade, sen de ningunha peza metálica que poida ser susceptible de oxidación ou degradación.

MÁIS MELLORAS NA ÁREA TERMAL

Esta área termal, de titularidade municipal, sitúase ao aire libre e conta con autorización de uso lúdico por parte da Xunta de Galicia. Durante o ano 2022 realizáronse obras de acondicionamento, dotando á área termal de servizos e instalacións necesarios para a súa posta en marcha. Nestas obras incidiuse, na medida do posible, na adaptación das instalacións para que foran accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Ademais de construír unha terma totalmente accesible, as actuacións comprenderán tamén a instalación dun sistema de tratamento das augas residuais xeradas durante a limpeza das piscinas, mellorando así o respecto polo medio ambiente, xa que se evitarán as verteduras ao río.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.