PUBLICIDADE

Reabre renovado o Banco Solidario de Barbadás

PorBisbarra

Mércores, 10 Decembro 2025 ,
O Banco Solidario de Barbadás leva 10 anos axudando ás familias máis vulnerables do municipio.O Banco Solidario de Barbadás leva 10 anos axudando ás familias máis vulnerables do municipio.

O Concello de Barbadás reabriu o local do Banco Solidario despois da renovación integral das instalacións municipais. A Concellería de Servizos Sociais reforza así a súa aposta pola iniciativa social, que leva 10 anos sendo un apoio fundamental para as familias máis vulnerables de Barbadás.

A actuación incluíu o pintado de todo o local e a colocación de novo mobiliario, como estantes e colgadoiros, para almacenar doazóns da veciñanza de xeito máis cómodo e seguro. “O Banco acaba de experimentar unha remodelación intensa que permite traballar mellor cos recursos que temos e ser máis efectivos no ámbito da solidariedade e na atención ás persoas máis vulnerables”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde barbadés. O rexedor tamén recordou que o Banco axuda a un total de 150 persoas do municipio.

A concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González Nistal, enxalzou o importante papel do Banco Solidario, sobre todo durante a época de Nadal. “Agora mesmo estamos en plena organización de todo o que recollemos durante a campaña de xoguetes para que ningún neno ou nena de Barbadás quede sen agasallo nestas festas”, explicou a edil.

PUBLICIDADE

Neste sentido, os días 17 e 18 de decembro, os voluntarios e voluntarias do Banco encargaranse de distribuír os lotes de xoguetes e comida non perecedoira entre as familias máis vulnerables do municipio.

Homenaxe ao voluntariado do Banco Solidario de Barbadás

A reapertura do Banco Solidario tamén incluíu unha emotiva homenaxe ao voluntariado que, co seu esforzo e compromiso, fan posible que a iniciativa siga en pé 10 anos despois da súa creación. Así, a inauguración contou coa presenza de Ana, Corina, Yolanda, Teresa, Isabel, Purificación, Elida, Luis Fernando, Luis Enrique, Sandra, Maribel, Carmen, Marián e Pilar, parte do equipo humano detrás do Banco Solidario. “Todos e todas as que regalades o voso tempo, enerxía e cariño sen pedir nada a cambio sodes a alma do Banco”, resaltou a concelleira na súa intervención.

O acto contou tamén coa participación do resto do Goberno local e da oposición, así como do equipo de Servizos Sociais e de Protección Civil.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.