Ourense foi escenario da fin da campaña de comunicación e difusión do OU DS A2030. Este proxecto, impulsado pola Deputación de Ourense, pretende lograr a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en entidades locais da provincia. A iniciativa contou cun investimento total de 183.172,46 euros, dos cales 159.135,88 euros están financiados polo Ministerio de Dereitos sociais e Axenda 2030, a través da candidatura presentada pola entidade provincial e aprobada en maio.
“Ourense sobre rODaS” deu a coñecer o proxecto e os 17 ODS nun expositor situado na rúa do Paseo. Neste espazo, convidábase á poboación ourensá a reflexionar sobre o papel que todos e todas xogamos na sostibilidade local. Os principais impulsores técnicos e políticos do proxecto visitaron a caseta, entre eles o deputado de Innovación, Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar. Alí destacou “o esforzo que supuxo este proxecto para a institución provincial, executado nun tempo récord, e co que se visitaron 12 concellos e 18 centros educativos en setembro e outubro”. Lembrou tamén que nos meses previos traballouse internamente e en cooperación con 27 concellos para a realización das Axendas 2030.
Hoxe terá lugar a derradeira visita a centros educativos da provincia, no CEIP Padre Feijoo de Allariz. Así, o 5 de novembro, está prevista a celebración do evento final do proxecto, que terá lugar no salón de plenos do Pazo Provincial e ao que estarán convidados todos os alcaldes e técnicos implicados no OU DS A2030.



