O Concello de Ribadavia aprobou provisionalmente en pleno a súa primeira Relación de Postos de Traballo (RPT). Trátase dun instrumento clave para mellorar a estrutura interna da institución e os servizos que recibe a cidadanía.
Esta iniciativa, a proposta da Alcaldía e avalada pola maioría da representación sindical, responde á “urxente necesidade” de dotar ao Concello dunha organización clara e eficaz, tal e como se recolle no expediente aprobado. Coa Relación de Postos de Traballo, o Goberno municipal establece unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada e áxil, que “marcará un antes e un despois na xestión local”.
IMPACTO ORGANIZATIVO DA RELACIÓN DEPOSTOS DE TRABALLO
A aprobación deste documento chega con 38 anos de atraso, xa que era obrigatorio para todas as entidades locais desde o ano 1986. Esta carencia foi abordada como unha prioridade por parte do actual executivo local, que agora deixa resolta en menos de ano e medio desde a súa toma de posesión.
Actualmente, o persoal do Concello de Ribadavia está formada por 91 persoas, das cales 74 teñen a condición de persoal laboral e 17 a de funcionario. A RPT reorganizará as funcións de todas elas para evitar duplicidades, equilibrar as condicións laborais e facilitar procesos de funcionarización. Así, lograrase unha maior estabilidade e produtividade sen incrementar os custos.
Así mesmo, permitirá facer fronte á redución de persoal na maioría de departamentos por xubilacións, falecementos ou ceses sen que foran repostos por mor das restricións legais, aínda cando en paralelo se producía un continuo crecemento dos servizos asignados aos concellos.
Segundo o Goberno local, trátase de racionalizar os recursos dos que dispón o Concello para obter os mellores resultados posibles. Así mesmo, preténdese ordenar a nova estrutura municipal para facilitar e optimizar a xestión. Para logralo, confeccionarase un novo organigrama con catro áreas de xestión; Administración Xeral, Territorio, Cidadanía e Cultura, Educación e Deportes.
A maiores, evitarase a coexistencia de postos co mesmo contido funcional. É dicir, facendo as mesmas tarefas e coas mesmas condicións de traballo, pero con diferentes sistemas retributivos e salarios distintos. Asemade, aumentarase a estabilidade do persoal laboral que na actualidade desempeña funcións funcionariais e que poderá acceder a procesos de funcionarización.
ENFOQUE INTEGRAL E ESTRUTURADO
Contémplase tamén a creación de novas unidades, entre as que destaca a Oficina de Atención á Cidadanía. Esta resulta da unificación das unidades de rexistro, padrón, estatística e censo nunha soa, moito máis polivalente e adaptada as necesidades reais no eido da administración electrónica.
César Fernández, alcalde de Ribadavia, considera que a aprobación da Relación de Postos de Traballo é “un fito moi importante, xa que nos vai permitir racionalizar e optimizar os recursos humanos municipais ao tempo que, coa nova estrutura orgánica, con catro unidades administrativas, poderemos mellorar a atención á veciñanza grazas á creación dunha unidade administrativa específica de atención á cidadanía”.