O Concello de Ribadavia aprobou en pleno o orzamento para o exercicio 2026, que ascende a 6.401.635,50 euros. Dende o Goberno municipal, definen o documento como “realista, rigoroso e executable”, orientado a garantir a calidade e continuidade dos servizos públicos municipais.
Este orzamento pon especial énfase no fortalecemento das políticas públicas e na mellora da capacidade de investimento do Concello de Ribadavia. Ao mesmo tempo, mantén a estabilidade económica e a estrutura fiscal municipal.
O capítulo de investimentos sitúase en 933.578,15 euros, sendo un dos volumes investidores máis elevados da historia de Ribadavia. É similar ao do ano pasado, aínda que lixeiramente por debaixo, xa que no 2025 estaba incluída a ambiciosa reforma do pavillón municipal.
Entre os investimentos programados, destacan as do plan HURBE en Ventosela, o embelecemento do núcleo de Francelos, a mellora de vías de titularidade municipal, á destinada a equipamento e infraestruturas deportivas ou as ctuacións na rede de abastecemento e saneamento municipal. É dicir, a maioría dos investimentos do orzamento diríxense á mellora de infraestruturas, equipamentos e instalacións municipais.
Estes investimentos contan cunha parte importante de financiamento procedente doutras administracións, o que permite incrementar a capacidade de execución municipal sen comprometer a estabilidade das contas da vila.
O Goberno local destaca o carácter realista da planificación orzamentaria, sinalando que, á luz da experiencia de exercicios anteriores, a cifra de investimento poderá incrementarse ao longo do ano en función da evolución da execución dos proxectos.
Neste sentido, cómpre sinalar que o Concello de Ribadavia aprobou en 2025 un orzamento de 6.462.573,47 euros, mais a liquidación do exercicio elevou a execución real ata os 9.073.580,09 euros, practicamente 2,5 millóns de euros máis dos previstos. Neste sentido, o Goberno municipal agarda que ao longo do exercicio 2026 esta cifra de investimento se incremente.
Servizos públicos, acción social e tecido asociativo
O documento orzamentario mantén as partidas destinadas ao sostemento dos servizos esenciais, especialmente aqueles vinculados á atención social, limpeza, cultura, deporte, seguridade e funcionamento administrativo.
A principal partida do orzamento corresponde ao capítulo de persoal, chegando aos 3,26 millóns de euros. Así, garántese a prestación destes servizos esenciais para a cidadanía.
Así mesmo, continúase apoiando o tecido asociativo, cultural e deportivo do municipio mediante a mantemento das axudas a entidades e clubes, co obxectivo de favorecer a dinamización social e a actividade comunitaria.
O orzamento tamén reflicte a continuidade do calendario de implantación da Relación de Postos de Traballo (RPT), documento incorporado en 2025, tras 38 anos sen contar con esta ferramenta de ordenación do emprego público.
Unha folla de ruta para a mellora da calidade de vida
O Goberno municipal subliña que o orzamento 2026 non é “un documento de promesas, senón de proxectos financiados e executables, que permite garantir os servizos públicos, manter a estabilidade fiscal e incrementar o investimento municipal”.
“Este orzamento marca unha folla de ruta clara para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza, con contas claras, estabilidade económica e proxectos reais”, sinala o alcalde, César Fernández.
En definitiva, as contas municipais para 2026 buscan consolidar o modelo de xestión baseado na sostibilidade financeira, a eficiencia administrativa e o impulso progresivo das infraestruturas e servizos de Ribadavia.




