Cobre San Rafael dá un paso decisivo para o desenvolvemento do seu proxecto de produción de cobre sostible 100% galego na mina de Touro – O Pino ao levar a termino as opcións de compra dos terreos acordadas cos propietarios locais hai tres anos. Tras cumprirse o prazo de vixencia dos acordos asinados, comézase a formalizar ante notario a adquisición definitiva das fincas, con prezos de compra superiores ao valor de mercado. Nestas operacións abóase o 90% restante do valor acordado, completando así o 10% que xa fora adiantado aos propietarios no momento da sinatura da opción.
Este fito, que consolida a dispoñibilidade dos terreos para o futuro complexo, realízase de maneira progresiva e acompasada ás datas de caducidade dos contratos orixinais. A primeira quenda de firmas, contempla a execución de 26 contratos de compravenda, que corresponden a 62 novas parcelas situadas nos municipios de Touro e O Pino. A compañía estima que este proceso de formalización se estenda, mes a mes, ata o próximo mes de xuño.
FLEXIBILIDADE:ALUGUEIROS E PERMUTAS
Ademais das compravendas, Cobre San Rafael vén ofrecendo aos veciños outras modalidades de acordo, co obxectivo de achegar flexibilidade e acomodar os diversos intereses das familias. Por exemplo, propuxéronse alugueiros nos que a empresa continúa a abonar puntualmente o pago anual dende hai catro anos. Estes contratos estipulan un pago do 2,5% do valor do terreo, e a porcentaxe incrementarase ata o 10% anual no momento en que o proxecto obteña os permisos e inicie a súa actividade.
Pola outra banda, a opción de permuta de terreos segue dispoñible para aqueles propietarios que prefiran cambiar as súas parcelas por outras de valor equivalente fóra da zona de traballo.
PROCESO CON DIÁLOGO
O avance no proceso de adquisición é froito de máis de sete anos de diálogo cos veciños e máis de 200 reunións informativas na comarca. Os acordos baséanse no principio de voluntariedade e ofreceron garantías xurídicas aos propietarios, como o feito de que os importes adiantados (o 10% inicial) non terían que ser devoltos no caso de que o proxecto non chegase a desenvolverse.
Unha vez completadas todas as opcións de compra en curso, Cobre San Rafael pasará a posuír aproximadamente o 70% da superficie total necesaria para o desenvolvemento do proxecto, cuxa pegada abarca un total de 812 hectáreas. A maior parte destes terreos corresponden a áreas xa vinculadas historicamente á actividade mineira ou a superficies sen valores ambientais sensibles, como eucaliptais e prados, o que permite unha planificación responsable do uso do chan.



