A 51ª Festa do Queixo de Arzúa baixou onte o pano dunha das edicións máis multitudinarias da súa historia, cun balance moi positivo tanto en asistencia como en participación na ampla variedade de actividades programadas. Durante toda a fin de semana, unhas 40.000 persoas achegáronse ata Arzúa para gozar dunha citas gastronómicas e culturais máis importantes de Galicia.
Esta nova edición da Festa do Queixo evidenciou o bo momento desta cita, na que tamén destacou o récord na cifra de solicitudes de participación das queixerías e dos postos exteriores. A alta demanda obligou á organización a ampliar os espazos para poder dar cabida ao maior número posible de expositores.
Unhas cifras que tamén se viron reflectidas nas vendas, un bo exemplo é que moitas das queixerías esgotaron o seu produto antes de que rematara a fin de semana, e tanto os produtores e produtoras como os vendedores da zona gourmet mostraron á organización a súa satisfacción polos resultados acadados nun Festa do Queixo que non para de medrar.
Do mesmo xeito, a demanda para participar nas catas comentadas e nos showcookings disparouse, e en pouco tempo cubríronse as 500 prazas ofertadas para estas actividades que se desenvolveron en dúas xornadas, e quedando persoas en listas de agarda. Unha mostra máis do interese do público por coñecer o produto estrela desta celebración, o Queixo de Arzúa, e ás súas múltiples posibilidades gastronómicas.
Dorian encabezou o cartel musical da Festa do Queixo
O recinto ferial tamén se encheu de xente para gozar do cartel musical deste ano que encabezou a banda catalana Dorian, en dúas xornadas nas que tamén se subiron ao escenario do queixo Dakidarría, Dulzaro, Cool Nenas e Dogo (gañadores do Queixo Maquetón) o sábado, mentres que o domingo foi a quenda de Budiño, Ialma e da presentación do novo disco de MJ Pérez.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que “esta edición confirma que a Festa do Queixo está nun momento extraordinario. O récord de participación de queixerías e a resposta masiva do público demostran que Arzúa é referente no sector e que o noso queixo é un embaixador de primeiro nivel”.
O rexedor tamén agradeceu expresamente “a implicación fundamental dos nosos patrocinadores: a Deputación da Coruña, Toldos Gómez, Queixería Barral, Estrella Galicia, Bico de Xeado e a DOP Arzúa-Ulloa, que fan posible que a festa siga medrando e mellorando cada ano”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Dani Moscoso, puxo en valor “o enorme éxito da programación infantil e das actividades exteriores, que estiveron cheas durante toda a fin de semana. A resposta das familias foi extraordinaria e demostra que a Festa do Queixo é un evento pensado para todas as idades, onde a rapazada tamén é protagonista”.
Desde a organización fan un balance “moi satisfactorio” e agradecen a implicación das queixerías, postos, artistas, persoal técnico, forzas de seguridade e voluntariado, así como a resposta do público. Co peche desta edición, o equipo organizador confirma que xa está a traballar na edición 2027, co obxectivo de seguir medrando, innovando e mantendo a esencia dunha festa que cada ano supera as expectativas.
A Festa do Queixo volve demostrar que Arzúa é sinónimo de sabor, cultura e encontro.































