O II Campionato Galego de Raid de Orientación chega este sábado 7 de marzo a Melide. A proba, que foi presentada esta mañá no Concello, terá a súa saída ás dez da mañá e os equipos participantes, xa hai confirmados 36 federados poñerán a proba tanto a súa capacidade física como a súa pericia estratéxica nun percorrido deseñado para a ocasión.
O prazo de inscrición para os equipos federados remata hoxe ás 22:00 horas. Toda a información do campionato pode consultarse na web da Federación Galega de Orientación (FEGADO). Paralelamente, disputarase unha proba popular, pensada para calquera persoa que queira realizar deporte sen necesidade de experiencia previa nin licenza federativa e para a cal está aínda aberto o prazo de inscrición.
«Queremos que o Raid non sexa só para expertos. A proba popular é a oportunidade perfecta para que familias e amizades descubran como se sente orientarse no monte e superar retos en equipo», sinalan desde a organización.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, que estivo acompañado na presentación pola concelleira Ana Mosteiro, membros do Club Aromon Pontevedra e da Asociación Deportiva Cerne, dixo que “para nós é importante que Melide acolla probas deportivas deste nivel, porque ademais de dar visibilidade ao noso Concello tamén dinamizan a vila e poñen en valor a nosa contorna. Sempre é positivo abrir as portas a iniciativas que fomentan o deporte e atraen xente durante a fin de semana”.
O Raid de Orientación é unha competición multidisciplinar por equipos na que a navegación e a orientación son as claves. As persoas participantes deben desprazarse por terreos naturais empregando medios non motorizados, xeralmente carreira a pé, bicicleta de montaña e outras probas especiais, localizando puntos de control coa única axuda dun mapa e un compás.
O Raid de Orientación é unha competición multidisciplinar por equipos na que a navegación e a orientación son as claves. As persoas participantes deben desprazarse por terreos naturais empregando medios non motorizados, xeralmente carreira a pé, bicicleta de montaña e outras probas especiais, localizando puntos de control coa única axuda dun mapa e un compás. O II Raid de Melide está organizado polo Concello, polo Club Aromon Pontevedra e a pola Asociación Deportiva Cerne.



