PUBLICIDADE

Ribadavia e a Xunta avanzan na dinamización do comercio local

Imaxe da reunión da Mesa Local de Comercio do Concello de Ribadavia.Imaxe da reunión da Mesa Local de Comercio do Concello de Ribadavia.

Concello de Ribadavia celebrou unha nova reunión da Mesa Local de Comercio. Nela participaron o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a segunda tenente alcalde de Ribadavia, Concelleira de Obras, Urbanismo, Medio Ambiente e Vitivinicultura, e presidenta da Mesa Local de Comercio, Mari Luz Expósito; a representante da Asociación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro–ACUR, Julia Gómez; o presidente de establecementos asociados do Ribeiro-EAR, Raúl Mato; a técnica do EAR, Isabel Rodríguez; o técnico do Concello de Ribadavia, José Iván Martínez; e a responsable da Oficina Municipal de Información ao Consumidor-OMIC, Erundina Pumares.

O alcalde ribadaviense, César Fernández, aproveitou a ocasión para explicar en detalle o plan de dinamización do comercio no casco histórico de Ribadavia. Este plan contempla melloras nas infraestruturas comerciais e a promoción da dixitalización do comercio tradicional, co obxectivo de fortalecer o tecido comercial e atraer tanto a veciños como a visitantes. Recentemente, o rexedor abordou este plan co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.

Durante a reunión da Mesa Local de Comercio aprobouse o programa de actividades dos Espazos de Activación Comercial (EAR) para o ano 2025. Este inclúe diversas accións de promoción e dinamización propostas pola asociación de comerciantes para impulsar o comercio local ao longo do ano.

PUBLICIDADE

Unha destas accións é “Benvida Primavera”, que se realizará en marzo en colaboración co Concello. Consistirá en agasallar plantas e sacas ás persoas que presenten un tícket de compra dun comercio local con determinado importe mínimo. Tamén se continuarán coas colaboracións habituais, como a “Mostra Internacional de Teatro”, e, máis adiante, os “Bonos Comercio”. Así mesmo, cando se aproxime a vendima, os comercios da capital do Ribeiro porán en marcha a súa campaña de promocións e agasallos vitivinícolas.

Ademais, a reunión serviu para trasladar aos comerciantes e representantes de consumidores as liñas estratéxicas do programa de dinamización do comercio que o Concello de Ribadavia porá en marcha neste ano en colaboración coa Xunta de Galicia.

PLAN REXURBE EN RIBADAVIA

Por outra banda, a Xunta de Galicia anunciou que o Plan Rexurbe de rehabilitación de vivendas recibiu cinco ofertas para a rehabilitación dun edificio situado na rúa García Boente, no casco vello de Ribadavia. Esta actuación permitirá a creación de cinco novas vivendas, cun investimento de 1,7 millóns de euros. Así, contribuirase á recuperación patrimonial e á revitalización da zona histórica do municipio.

O Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso co comercio local e co desenvolvemento urbano sostible, colaborando coa Xunta de Galicia en proxectos que melloren a economía local e a calidade de vida dos seus cidadáns.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.