PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño aposta polos produtos de proximidade na súa cesta de Nadal

PorBisbarra

Luns, 23 Decembro 2024 , ,
A cesta para o persoal municipal contén dez produtos de proximidade.A cesta para o persoal municipal contén dez produtos de proximidade.

O Concello de San Sadurniño entregoulle ao persoal municipal a tradicional cesta de produtos de Nadal. Este detalle que repítese desde hai anos e forma parte dos acordos acadados na negociación colectiva coas traballadoras e traballadores municipais. Nesta ocasión trátase dunha caixa cargada de produtos da máxima calidade e de proximidade. De feito, no lote inclúense varias elaboracións saídas das instalacións do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

A área de Xestión Interna encomendoulle á A Tenda de Iria de Moeche un total de 37 lotes cun custe unitario de 54 euros. Esta tenda é un pequeno de negocio iniciado pola veciña de Bardaos Iria Méndez Veloso.

CESTA DE QUILÓMETRO CERO

Cada caixa inclúe unha botella de zume de mazá Bieiteiras, cogomelos desecados da marca Manda Carballo, delicias de pemento e marmelada de Ay Carmen!, un queixo curado Brigantia e outro semicurado O Casal, un frasco de requeixo de Bardaos, un tarro de mel Abella Mestra e un bote de galletas ecolóxicas Maruxas de Nata, feitas en Santa Mariña do Monte.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Segundo o responsable do departamento, Manolo Varela, a cesta de Nadal “é un pequeno agasallo para o persoal municipal”. O edil lembrou que o contido varía cada ano, coa finalidade de fomentar a produción agroalimentaria local e comarcal. Así, explicou que “axuda a soster a nosa pequena industria agroalimentaria e un sistema de produción case artesanal que, ademais, é sostible desde o punto de vista ambiental e social”.

O concelleiro fixo fincapé na aposta constante do Concello de San Sadurnio polos alimentos de quilómetro cero, colaborando con entidades como a AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel de Goente. Así mesmo, lembrou o desenvolvemento de actividades formativas, informativas e de concienciación sobre o potencial agrogandeiro da zona.

Na mesma liña, Varela tamén destacou que catro dos dez artigos incluídos na cesta son produtos elaborados nas instalacións da Fusquenlla, proxecto no que están implicados sete concellos da contorna.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.