PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O hospital ferrolán Novoa Santos xa conta cun centro de crise para vítimas da violencia sexual

PorBisbarra

Luns, 23 Decembro 2024 , ,
O centro do Novoa Santos, igual que os outros catro en Galicia, presta atención presencial e telefónica as 24 horas do día.O centro do Novoa Santos, igual que os outros catro en Galicia, presta atención presencial e telefónica as 24 horas do día.

O hospital Novoa Santos de Ferrol acaba de inaugurar o seu centro de crise para vítimas de violencia sexual. Trátase dun dos cinco puntos de atención especializada cos que conta Galicia, que están plenamente operativos e prestan atención presencial e telefónica as 24 horas do día.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as instalacións, acompañada polo director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas; e o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela. Tras o percorrido polo centro, a conselleira fixo fincapé en que “unha vez máis, Galicia cumpre e fai os deberes” ao conseguir poñer en marcha os centros de crise dentro do prazo establecido, “pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades” e que o propio Ministerio de Igualdade recoñeceu a pasada semana.

De feito, ante estes inconvenientes, hoxe está convocada unha conferencia sectorial extraordinaria de Igualdade, na que o Goberno central xa avanzou que ampliará o prazo de apertura ata xuño de 2025 para que todas as comunidades poidan cumprir este fito marcado pola Unión Europea.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Esta asistencia está destinada a mulleres maiores de 15 anos vítimas e sobreviventes de violencia sexual, tanto se se produciu de xeito recente, como se foi no pasado. Ademais, para obter esta atención especializada non é necesario interpoñer unha denuncia.

O centro do Novoa Santos é un dos cinco xa plenamente operativos en Galicia.
O centro do Novoa Santos é un dos cinco xa plenamente operativos en Galicia.

CINCO CENTROS EN GALICIA

Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia inviste 11 millóns de euros en poñer en marcha e garantir o funcionamento destes cinco centros, un máis dos que esixe Europa, e para poder ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas do día e todos os días do ano. Neste sentido, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.

Ademais do centro de Ferrol, que é o segundo máis grande de Galicia, a provincia da Coruña conta con outro no Hospital Gil Casares de Santiago. O da provincia de Pontevedra está no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En Ourense, está situado no PAC da rúa do Concello; e en Lugo, no Hospital Universitario Lucus Augusti. Todos eles están situados ao carón de servizos hospitalarios de urxencia, para facilitar a rápida asistencia e evitando a revitimización.

Con este novo servizo, Galicia dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.