O Concello de San Sadurniño reedita durante o mes de decembro a campaña de promoción do comercio “Polo Nadal, consumo local”. O obxectivo é poñer en valor a calidade dos produtos locais e a atención que ofrecen os establecementos de San Sadurniño. Con cada compra en comercios locais recibirase unha rifa para entrar no sorteo de nove cestas protagonizadas por alimentos de proximidade e propios destas datas. Este ano sumáronse á iniciativa un total de 31 establecementos e negocios de servizos sadurniñenses.
Así pois, sortearanse seis cestas valoradas en 70 euros cada unha. Os negocios adheridos entregarán unha papeleta para participar no sorteo por cada gasto de ata 10 euros. Pola súa banda, se o consumo supera este importe, entregarase unha rifa para o sorteo doutras tres cestas, neste caso valoradas en 140 euros.
As rifas deberanse depositar nunha urna ou entregarse á persoa responsable do establecemento. Será preciso indicar o nome e un número de teléfono de contacto para que a área de Desenvolvemento local poida contactar no caso de ser un boleto premiado.
31 establecementos adheridos a “Polo Nadal, consumo local”
A participación está xa aberta e prolongarase ata o 31 de decembro. Os establecementos participantes son Agromuíño, agrotenda Pena Fontao, bar Castrillón, bar Eladio, bar Ferreira, bar O Campo, café bar Atrium, cafetería Dzine, clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, clínica de fisioterapia Penamoura, clínica fisioterapia Sansastur, Cooperativa de Meirás, tendas de Naraío e San Sadurniño; ferretería Lamas, floristería La Feria, Galletas Maruxas, libraría Brétema, Maskotas, mesón A Granxa, mesón Os Cazadores, panadería Inxerto, parrillada María Queira, salón de peiteado Ángeles, salón de peiteado Juan, salón de peiteado Lucía, salón de peiteado Mari, salón de peiteado Santos, queixaría O Casal, supermercado Calvo, supermercado Outeiro e Triscos e Fíos.
O sorteo será o día 3 de xaneiro ás 12:00 h nun acto público que se desenvolverá no salón de plenos. A entrega dos lotes farase uns días despois, nunha data que se dará a coñecer a través das redes sociais municipais.