O Concello de San Sadurniño pretende crear unha comunidade enerxética, un modelo alternativo de produción e consumo de enerxía eléctrica. Así, o primeiro paso foi convocar unha charla informativa na Casa da Xuventude, impartida por Xosé Manuel Golpe Acuña, experto en eficiencia enerxética e parlamentario do BNG.
As comunidades enerxéticas son asociacións ou cooperativas creadas para conseguir certa autonomía con respecto ás grandes produtoras e distribuidoras e contribuír a reducir a pegada de carbono, ao tempo que se reduce a factura da luz. Estas poden estar integradas por persoas particulares, autónomas, pemes, colectivos ou administracións.
Tras esta charla, na que se debullaron os aspectos legais e técnicos, o Concello de San Sadurniño decidiu dar dous pasos moi concretos para facer realidade a comunidade enerxética. En primeiro lugar, organizar encontros informativos en todas as parroquias . En segundo lugar, empezar a traballar de inmediato coas persoas que mostren interese nesta fórmula.
Neste sentido, a administración local suxeriu optar pola figura da asociación, pola rapidez da súa constitución e a facilidade de xestión. A produción fotovoltaica é a máis estendida, cunhas 400 iniciativas en todo o Estado. Na práctica, a produción vai á rede eléctrica e despois a compañía comercializadora compensa na factura a contía correspondente á enerxía producida na instalación común, de acordo coa participación na comunidade enerxética.
Segundo Golpe Acuña, unha instalación solar en San Sadurniño podería producir unhas 1.200 ou 1.300 horas ao ano. Nesta liña, o aforro que se podería conseguir na factura da luz sería mínimo dun 30%. O investimento inicial roldaría os 800 euros por quilovatio e o mantemento serían uns 300 euros ao ano.
No proxecto técnico estableceranse as zonas óptimas para instalar os paneis solares. Estarán orientados ao sur e céntricos con respecto aos fogares integrantes da comunidade. Se a instalación se sitúa nun tellado ou cuberta, como no pavillón municipal, beneficiaranse as casas situadas nun radio de dous quilómetros en liña recta.
Non obstante, tras o primeiro paso de constituír a asociación, a comunidade enerxética non estaría en marcha ata pasar mínimo tres anos. Asemade, Golpe Acuño explicou opcións de achegas para financiar a posta en marcha deste tipo de modelos alternativos de enerxía renovable.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, confirmou o interese do Concello neste modelo “alternativo ás grandes enerxéticas”. Neste senso, adiantou que o se organizarán máis charlas nas parroquias para explicar as comunidades enerxéticas e xuntar “masa crítica”.