PUBLICIDADE

Sandra Permuy, nova alcaldesa de Fene

PorBisbarra

Luns, 19 Maio 2025 , ,
Sandra Permuy convértese na primeira muller á fronte da Alcaldía de Fene.Sandra Permuy convértese na primeira muller á fronte da Alcaldía de Fene.

O pleno do Concello de Fene investiu a Sandra Permuy como alcaldesa. Grazas ao apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida, a ata agora tenente de alcalde e edil de Servizos, Benestar Social, Igualdade, Seguridade e Persoal convértese na primeira muller á fronte da Alcaldía de Fene.

O salón de plenos contou cunha gran afluencia de público. Entre os asistentes, destacaron os exalcaldes Xosé María Rivera Arnoso e Juventino Trigo e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

No seu primeiro discurso como alcaldesa, Sandra Permuy reivindicou o avance en igualdade que supón a súa elección. “Fene marca un novo fito sendo a política local a que leva a dianteira en materia de igualdade”, salientou.

PUBLICIDADE

A nova rexedora agradeceu a confianza recibida pola asemblea local do BNG, a súa executiva comarcal e a portavoz nacional, así como “aos grupos municipais que, con lexítimas diferenzas, trasladáronme estes días o seu compromiso con Fene”.

ORZAMENTO E PROXECTOS EN FENE

No seu discurso, a alcaldesa tamén destacou o orzamentos municipal xa en vigor, con máis de 16 millóns de euros, “cheos de proxectos e de forza transformadora”. Avanzou que a reorganización do novo executivo seguirá traballando con diálogo cos grupos municipais e a veciñanza, para mellorar os servizos básicos, o benestar social, o urbanismo, a accesibilidade, o emprego e a calidade de vida en Fene.

“Temos retos importantes: seguir a mellorar as rúas e camiños, impulsar un novo PXOM, eliminar barreiras físicas e mentais, traballar a prol do emprego digno, dunhas escolas e dunha sanidade á altura… e petar en todas as portas para mellorar Fene”, asegurou Permuy.

Xusto antes do pleno de elección da Alcaldía, celebrouse un pleno extraordinario urxente. Neste formalizouse a incorporación de Alba García Fariña como nova concelleira do BNG, ocupando o escano deixado por Juventino Trigo.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.