O Xeoparque Cabo Ortegal deseñeou unha ampla programación de balde de actividades para conmemorar o seu segundo aniversario do recoñecemento oficial da UNESCO como Xeoparque Mundial que se desenvolverán do 24 de maio ao 1 de xuño
O Xeoparque Cabo Ortegal vén de cumprir dous anos dende o recoñecemento oficial como Xeoparque Mundial da UNESCO, un fito que converteu este territorio no segundo Xeoparque galego e no único da Península Ibérica en acadar esta distinción no ano 2023. Para celebralo, e coincidindo coa IX Semana dos Xeoparques Europeos, a Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal presenta unha ampla programación de actividades de balde que se celebrarán entre o 24 de maio e o 1 de xuño.
Durante nove días, o territorio dos sete concellos que integran o Xeoparque (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) converterase nun espazo para a divulgación científica, a conexión coa natureza e a posta en valor do seu excepcional patrimonio xeolóxico.
Rutas, visitas guiadas e experiencias no Xeoparque para todos os públicos
O programa da IX Semana dos Xeoparques Europeos inclúe propostas para todo tipo de público. Entre as actividades destacadas atópanse rutas en barco pola costa e os cantís, con itinerarios que permiten descubrir a reserva mariña, a Vixía de Herbeira ou o Cabo Ortegal dende o mar. Tamén haberá numerosas rutas de sendeirismo interpretativo polos lugares máis senlleiros do Xeoparque: o rastro do lobo, Pico Vela, Coto da Miranda, Altos de San Andrés, A Fraga dos Casás, os Cantís de Loiba, entre outros.
As persoas máis aventureiras poderán participar, neste segundo aniversario do Xeoparque na vía ferrata Senda do Santo, unha experiencia que inclúe pontes colgantes, un tramo K4 e unha tirolina de 45 metros. Tamén se organizan rutas a cabalo por espazos de gran beleza como o Paseo do Río Mera ou o camiño real da Cal da Loba.
As visitas guiadas achegarán ao público a lugares emblemáticos como San Andrés de Teixido, o centro urbano e costa de Cedeira ou o Museo Océano Surf de Valdoviño.
A programación do Xeoparque inclúe tamén unha sección especial para público infantil, con propostas como os obradoiros e actividades no Museo Mares de Cedeira (aventura mariña, manualidades, slime temático…), os Xeobradoiros sobre as areas e minerais do Xeoparque ou a actividade Pequeexploradores, un roteiro didáctico con taller de pegadas para facer en familia.
Tamén haberá espazo para a divulgación, e o comité científico do Xeoparque ofrecerá dúas charlas online en directo. A primeira, o luns 26 de maio (12:00 horas), a cargo José Ignacio Gil, xeólogo da Universidade do País Vasco, e a segunda o xoves 30 de maio (12:00 horas) que dirixirá Luis Somoza, xeólogo mariño do IGME-CSIC.
Inscricións nas actividades do Xeoparque
Todas as actividades son gratuítas e con prazas limitadas, polo que será preciso realizar inscrición previa a través da web oficial. Desde a organización lémbrase a necesidade de atender aos consellos de cada unha das actividades, especialmente no que ten a ver coa roupa e calzado axeitados, ou á necesidade de levar auga, algo para picar, gorra e protección solar.





