O Concello comezou o programa das Letras Galegas homenaxeando ás cantareiras Rosa e Adolfina Casás colocando sendas placas nas vivendas nas que residiron, e o 17 de maio, coa inauguración do mural Catareiras
O Concello de Cerceda, co gallo do Día das Letras Galegas, iniciou o pasado venres o seu programa de actividades cunha homenaxe ás cantareiras Rosa e Adolfina Casás, figuras centrais da tradición oral galega e naturais do propio municipio. O acto, que contou coa participación do alcalde, Juan Manuel Rodríguez, serviu como recoñecemento público ao legado destas veciñas que conservaron e transmitiron a cultura popular a través da súa voz e sabedoría.
O acto desenvolveuse diante das vivendas nas que residían as cantareiras Rosa e Adolfina Casás, nas que se colocaron sendas placas conmemorativas nun xesto simbólico de gratitude e memoria. Familiares, amigos e veciños de distintas xeracións participaron na homenaxe, convertida nun momento de reencontro e recoñecemento colectivo.
O rexedor destacou a importancia de conservar e poñer en valor a tradición oral como parte fundamental do patrimonio inmaterial galego. A elección de Rosa e Adolfina Casás como protagonistas locais nesta edición ten un profundo significado para Cerceda, pois representa a valorización da identidade e da memoria dende o máis próximo e vivencial.
Como peche da xornada, o Auditorio Municipal de Cerceda acolleu a representación da obra As Ferreñas, unha proposta escénica centrada na música tradicional galega. Con este primeiro acto, o Concello iniciou unha serie de actividades coas que busca promover o valor da lingua e da cultura galegas, facendo fincapé nas súas raíces máis profundas.
Inauguración do mural Cantareiras
Ao día seguinte, o 17 de maio, o Concello de Cerceda inaugurou, ás once da mañá, o mural Cantareiras, unha homenaxe visual a Rosa e Adolfina Casás, mais tamén a todas as mulleres que ao longo da vida manteron viva a tradición oral e musical galega a través do canto popular. O mural Cantareiras está situado nun lateral do Auditorio da vila, e busca ser un recoñecemento colectivo máis á forza da memoria e da identidade cultural transmitida de xeración en xeración.
A inauguración do mural Cantareiras contou coa actuación do grupo de pandeireteiras locais A Xunqueira das Encocrobas que ofreceron os seus sons e cantos tradicionais, poñendo en valor o patrimonio inmaterial que representa a música tradicional galega.





