PUBLICIDADE

As Pandeireteiras da Baña e Cantoencanto reciben o IV Premio Daniel García Ramos

Integrantes de Pandeireteiras da Baña e do grupo Cantoencanto, xunto ás autoridades, tras entrega do IV Premio Daniel García Ramos o pasado 17 de maioIntegrantes de Pandeireteiras da Baña e do grupo Cantoencanto, xunto ás autoridades, tras entrega do IV Premio Daniel García Ramos o pasado 17 de maio

As Pandeireteiras da Baña e Cantoencanto recibiron o IV Premio Diego García Ramos que concede o Concello o Día das Letras Galegas en recoñecemento ao traballo a prol da lingua e da cultura

As Pandeireteiras da Baña e o grupo Cantoencanto, agrupacións que naceron ao abeiro da Escola de Música Tradicional, recibiron o pasado sábado co gallo do Día das Letras Galegas o IV Premio Daniel García Ramos co que o Concello bañense vén recoñecendo nos últimos anos o traballo a prol da lingua e da cultura galega. Con este recoñecemento aos grupos que manteñen vivas as nosas coplas, o goberno municipal súmase á homenaxe á poesía popular oral á que este ano dedicóuselle o 17 de maio.

Clara Brenlla, unha das integrantes máis novas, e Elena López, veterana que forma parte da agrupación dende a súa fundación en outubro de 2011, agradeceron a concesión deste galardón en nome das Pandeireteiras da Baña, grupo formado por ao redor de 15 persoas que anima todas as celebracións do municipio, ademais de actuar noutras foliadas en lugares como Santiago ou Frades

As Pandeireteiras da Baña están vencelladas á Escola de Música Tradicional, que comezou sendo hai 30 anos unha escola de gaita e percusión que sumou por demanda veciñal a escola de pandeireta hai agora xa máis de 10 anos, contando a día de hoxe cun alumnado de 30 persoas. A agrupación estivo dirixida ata 2002 polo mestre Emilio Lois, a quen sucedeu Sonia Albor.

PUBLICIDADE

Emilio Lois interveu no acto para lembrar a exitosa e dinámica traxectoria da Escola de Música Tradicional. Pola súa banda, o director musical de Cantoencanto, conxunto tamén recoñecido co IV Premio Daniel García Ramos e que se caracteriza por un repertorio de coplas tradicionais e divertidas, acompañadas unicamente por un acordeón.

Conduciu a entrega do IV Premio Daniel García Ramos a tenente de alcalde e concelleira de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, Mónica González, quen aproveitou a ocasión para solicitarlle a veciñanza colaboración na recollida de coplas populares da Baña, das que deixou algunhas mostras.

As Pandeireteiras da Baña e Cantoencanto suceden no palmarés de galardoados co Premio Daniel García Ramos a Alonso Barreiro, mestre e músico que estivo sete anos á fronte da escola unitaria de Lañas; ao propio Emilio Lois, gaiteiro e mestre na Escola de Música Tradicional da  Baña dende 1998; e a María Jesús Álvarez, mestra durante vinte anos no CPI da Baña.

Todos eles foron recoñecidos polo seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas, razón de ser da creación do Premio Daniel García Ramos, ao que o Concello decidiu darlle o nome do xuíz e fillo Predilecto da Baña que foi pioneiro en ditar unha sentenza en galego.

Actuacións durante o acto de entrega ás Pandeireteiras da Baña

O acto de entrega do IV Premio Daniel García Ramos contou coa presenza do alcalde da Baña, José Antonio Pereira, dos concelleiros Álvaro Silva e Ana Pensado, así como doutros membros da corporación municipal e de numeroso público, que encheu o auditorio da Escola de Música Emilio Andújar.

Presentación da Banda da Escola de Música durante o acto de entrega do IV Premio Gabriel García Ramos que este ano concedeulle o Concello ás Pandeireteiras da Baña e ao grupo  Cantoencanto

Foi o escenario escollido para a presentación en sociedade da Banda da Escola de Música da Baña, que interpretou pezas como Lela e o Himno Galego neste Día das Letras Galegas.

Juan Leis, director da banda, explicou que a Escola de Música leva dende o pasado mes de novembro intentando recuperar o espíritu da antiga Banda Municipal da Baña coa creación dunha agrupación moderna de pequeno formato que integre a todo o alumnado e que contribúa tanto á dinamización cultural da Baña como a crear un proxecto colectivo que esperte o sentido de comunidade.

María Faltri animou o acto con cantigas populares, das que participaron tanto as premiadas como o público, e púxolle a guinda a degustación dus petiscos realizados con produtos das rías galegas grazas á campaña Galicia sabe Amar da Xunta.

Acto de entrega do IV Premio Gabriel García Ramos que este ano concedeulle o Concello ás Pandeireteiras da Baña e ao grupo  Cantoencanto
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.