Xisco Feijóo ofreceu o seu espectáculo ‘Traede Ferrallada!’, que forma parte do programa das Letras Galegas de San Sadurniño e contou tamén coa participación das escolas municipais
A praza de Ramón Díaz Raña de San Sadurniño converteuse, na véspera do Día das Letras Galegas, nun espazo para a música, o baile e a oralidade da man das escolas municipais e do artista Xisco Feijoó, quen desenvolveu a súa proposta Traede ferrallada!.
Unha iniciativa do cantante, bailador e coreógrafo que se sitúa a medio camiño dun concerto didáctico e dunha foliada e na que os asistentes participaron activamente levando os seus instrumentos ou calquera tipo de ferralla sonora.
O serán completouse alternando as actuacións de Feijoó cos grupos de gaita e percusión, pandeireta e baile tradicional. Unhas actuacións que permitiron aos asistentes presenciar un pequeno avance dos repertorios ensaiados no último ano polas escolas municipais, que se presentarán na clausura do curso o venres 27 de xuño na área recreativa da piscina.
Coñecido pola súa versatilidade como cantante, bailador, coreógrafo e mestre, Xisco Feijoó é unha das figuras clave da escena musical galega actual. Foi profesor da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo e coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu.
Dende moi novo, Xisco Feijoó participou en accións de recollida e posta en valor do patrimonio etnográfico galego, ademais de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos xunto a artistas de referencia da cultura galega como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Berrogüetto, Rodrigo Romaní ou Pepe Vaamonde. En 2021 decidiu dar o paso á creación en solitario co lanzamento de Peixe.
Xisco Feijoó e o seu segundo espectáculo en solitario
Tras completar a xira de Peixe, Feijoó empezou a mover por toda Galicia Traede ferrallada!, un espectáculo de pequeno formato concibido para romper barreiras entre o escenario e o público no que recupera voces, sons e instrumentos. O proxecto, que mestura o saber popular coa creación contemporánea, ten moito de concerto didáctico, pero máis aínda de foliada.

O concerto-foliada Traede ferrallada! forma parte da programación das Letras Galegas de San Sadurniño, que continuará o vindeiro venres 23 de maio ás 10:30 horas co espectáculo infantil Dende Rosalía ata as Cantareiras, da compañía A Xanela do Maxín. Ese mesmo día, pero pola tarde (ás 18:30 horas), proxectarase na Casa da Cultura con entrada libre o filme O Apóstolo, dirixido por Fernando Cortizo e protagonizado polas voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e outros grandes nomes.
Cómpre lembrar tamén que o sábado 17 de maio, o Concello de San Sadurniño sumouse á mobilización pola lingua convocada pola plataforma Queremos Galego! en Santiago. A marcha, que partiu ao mediodía da Alameda compostelá, concluiu cunha grande foliada no Obradoiro.



