PUBLICIDADE

San Sadurniño comeza a rolda informativa sobre compostaxe doméstica

Estanse a repartir de balde depósitos de 400 litros de capacidade para compostaxe doméstica.Estanse a repartir de balde depósitos de 400 litros de capacidade para compostaxe doméstica.

O Concello de San Sadurniño celebrou a primeira xuntanza informativa sobre a xestión do lixo e a implantación da compostaxe doméstica para tratar os restos orgánicos. No encontro explicouse como funcionan os depósitos que se están entregando á veciñanza de maneira gratuíta. Con eles é posible transformar os restos de comida e outros refugallos nun fertilizante de alta calidade, ao tempo que se reducen os custes ambientais e económicos de todo o sistema de recollida e tratamento.

A charla que se ofreceu na Casa da Xuventude repasou o modelo de recollida e tratamento do lixo que se envía a SOGAMA. Baséase no cobro aos Concellos polo peso que entregan e penalizando os restos impropios que van onde non deben de ir por mor dunha deficiente separación en orixe.

Ata non hai moito os concellos asumían ese sobrecuste,”pero agora a normativa europea esixe que o que se cobra polo lixo dea para cubrir o custe do tratamento“, precisou Manuel Pan, responsable da empresa que está  levando a cabo a campaña sobre compostaxe.

PUBLICIDADE

COMPOSTAXE DOMÉSTICA COMO SOLUCIÓN

Estímase que entre un 40 e un  50% do que pesa a bolsa do lixo é materia orgánica. Nun contexto rural como San Sadurniño poderíase tratar na maioría das casas, alimentando aos animais domésticos ou facendo compost.

A compostaxe permite eliminar do circuíto unha parte importante dos refugallos e evitar que a veciñanza teña que asumir os 108 euros por tonelada que custa o tratamento do lixo orgánico en planta. Tal como apuntou Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño, “se facemos as cousas ben, o lixo non ten por que subir”.

A campaña que iniciou o Concello está financiada pola Consellaría de Medio Ambiente con fondos NextGenerationEU canalizados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico. Céntrase en explicar o funcionamento dos composteiros que xa se están entregando nos domicilios, previa solicitude chamando ao Concello.

Estes depósitos teñen 400 litros de capacidade, “suficiente para atender as necesidades dunha familia de ata oito persoas”, asegurou Pan. Son catro paredes plásticas que se arman nun minuto e sen ferramentas, cunha tapa na parte superior e unha grande abertura na inferior. A finalidade é que a fracción verde e a fracción marrón ou estruturante estean en contacto coa terra para favorecer a entrada de miñocas e outros organismos fundamentais para o proceso da compostaxe.

Tras arredor de cinco meses botando material estruturante e materia verde en capas que cómpre remexer cada certo tempo, obtense un substrato cun grande poder fertilizante. Pódese utilizar nas plantas da casa ou nos cultivos de morteiros e invernadoiros, preferiblemente mesturado con terra.

Con esta iniciativa, San Sadurniño pretende seguir avanzando “cara á economía circular, reducindo os custes ambientais e económicos do tratamento do lixo e recuperando unha práctica tradicional que volve hoxe con forza, modernizada e ao servizo da sustentabilidade”, comenta a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.

A próxima xuntanza informativa arredor da compostaxe doméstica vai ter lugar no local social do Camiño Arriba o xoves 13 de novembro ás 19:30h.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.