O Certame de Teatro Afeccionado Fusa Guillén xa está en marcha despois de que o Concello de Cedeira convocase a cuarta edición dunha iniciativa coa que promociona a actividade das compañías non profesionais ao tempo que rende homenaxe e mantén viva na memoria a unha muller que deixou fonda pegada na vida cultural e que, particularmente, contribuiu a impulsar o teatro na localidade de Ferrolterra.
O Certame de Teatro terá ata o vindeiro 20 de novembro aberto o prazo de presentación das candidaturas por parte dos grupos de teatro amador que o desexen. O xurado do certame está formado por tres persoas da Concellería de Cultura e das artes escénicas, e encargarase de seleccionar, ás tres compañías gañadoras que representarán as súas obras no Auditorio Municipal os días 5, 6 e 12 de decembro, ás 20:00 horas. Cada unha das elixidas recibirá 750€ en concepto de gastos pola actuación.
Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro afeccionado e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar coa súa solicitude diferente material, entre o que está un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa.




