O Concello de San Sadurniño ten consignados neste ano 33.986,03 euros do Fondo de Compensación Ambiental. Este trátase do mecanismo autonómico a través do que revirte nos municipios unha parte do canon que as empresas eólicas pagan á Xunta.
Estes cartos deben investirse en actuacións de tipo ambiental ou de reequilibrio territorial. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño vainos dedicar a obras de ampliación do saneamento en Piñeiros, á mellora da contorna do punto de captación de auga do Camiño Arriba e ao financiamento dos custes de mantemento anual das zonas verdes e sendeiros.
Nos últimos anos, o Concello xa destinou a maior parte do Fondo de Compensación Ambiental a obras no abastecemento de auga, no saneamento ou na rede de iluminación pública. A fin é ampliar estes servizos ou facelos máis eficientes, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que a administración local se comprometeu a cumprir.
DESCRICIÓN DOS PROXECTOS
De cara á presente anualidade, o consistorio deseñou un proxecto que engloba dúas actuacións principais. Por unha banda, a construción dun novo ramal sanitario na zona de Piñeiros, preto do límite con Narón. Así, que ampliarase en algo máis de 200 metros as conducións soterradas e incorporaranse cinco novos pozos de rexistro.
A segunda intervención centrarase en varias obras nos arredores da ETAP do Camiño Arriba. O deseño técnico abrangue a mellora do sistema de drenaxe da potabilizadora, a instalación dunha tubaxe e o reperfilado da cuneta para que a auga baixe encanada pola beira da pista de acceso. Ademais, na parte norte do pavillón polideportivo tamén se farán traballos de albanelería para pechar a bomba e soterrar os colectores existentes.
Todas estas actuacións licitaranse por un importe de 25.893 euros, impostos incluídos. No tocante aos 8.093,03 euros restantes dedicaranse a cubrir parte dos gastos anuais de mantemento das zonas verdes. Entre estes traballos inclúense a roza de lavadoiros e o repaso de rutas, miradoiros e áreas recreativas.




