A xunta de Goberno local de Ferrol aprobou a declaración de emerxencia e actuacións necesarias na cuberta do edificio da antiga cámara de comercio. O obxectivo é paliar os danos ocasionados polo temporal de vento e choiva do pasado día 1 e 2 de marzo, que desprendeu a cuberta do edificio do recinto feiral de Fimo na Malata.
A petición foi presentada polas Áreas de Urbanismo, Accesibilidade, Vivenda e Rehabilitación e Medio Ambiente, Zona Rural Servizos e Obras. “As rachas de vento causaron graves danos na cuberta do edificio da Cámara de Comercio, polo que precisa dunha actuación urxente”, confirmou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Primeiro, o corpo de bombeiros municipal executou actuacións de contención na situación de emerxencia. Despois, realizouse unha visita técnica que diagnosticou que existen indicios de inestabilidade no resto de treitos das pranchas que cobren o edificio afectado. Así pois, recoméndase, para evitar futuros desprendementos e que se amplíen os danos no resto da estrutura, proceder a retirar o material existente e substituílo por un novo. Ademais, contémplase poñer novos elementos de suxeición para que quede perfectamente consolidada esta nova cuberta.
O procedemento contempla a a protección do perímetro da cuberta actual mediante unha rede vertical. Asemade, procederase a desmontar as pranchas da cuberta existente e montar outras con material de novas prestacións. Finalmente, instalaranse as suxeicións, canlóns e baixantes para a estabilidade normativa da cuberta.
A valoración dos traballos cífrase en 140.729,32 euros, cun prazo de execución de dous meses. O prazo para o inicio destas actuacións de emerxencia non poderá ser superior a un mes dende o presente acordo.