PUBLICIDADE

San Sadurniño licita a reparación de seis pistas

PorBisbarra

Mércores, 2 Xullo 2025 ,
San Sadurniño reparará seis vías en Ferreira, Naraío e Igrexafeita, licitadas en tres proxectos.San Sadurniño reparará seis vías en Ferreira, Naraío e Igrexafeita, licitadas en tres proxectos. Foto: César Galdo.

O Concello de San Sadurniño reparará seis pistas cos 209.000 euros que lle corresponden da última partida liberada do POS. As obras nas vías, repartidas polas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío, agrúpanse en tres proxectos. A licitación xa está publicada na plataforma de contratación do sector público e as empresas poden presentar ofertas ata o 17 de xullo.

Segundo os pregos, as intervencións centraranse no reasfaltado de camiños desgastados en parte do seu trazado. Ademais, aproveitarase para darlles un ancho uniforme onde sexa posible, xa que actualmente varía entre os 3,5 e 4,5 metros.

O procedemento de reparación será practicamente idéntico en todos os casos. Primeiro realizarase un varrido do firme e unha limpeza das cunetas. A continuación, arranxaranse as fochancas cunha mestura de grava e piche. Por último, estenderase unha nova capa de rodaxe alternando regas asfálticas con saburra. Nalgún dos lugares aproveitarase para entubar escorrentías.

PUBLICIDADE

LICITACIÓN DE TRES PROXECTOS

O Concello de San Sadurniño divide a licitación en tres proxectos. O primeiro abarca a pavimentación dos camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata as Costeiras, en Igrexafeita. Son dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao lado de abaixo da AG-64. Entre os dous camiños suman 1,7 quilómetros de percorrido polo que se serven unha ducia de vivendas. O investimento está cuantificado en 50.818,75 euros.

O segundo proxecto abrangue as pistas de Naraío. Por unha banda, varios camiños, que suman un total de 1.665 metros, desde a Ferraría ata a Cernada e a vía que arranca no cruzamento de Pielas para bifurcarse despois dúas veces máis ata chegar ao Batán e o Muíño. Neste caso trátase dunha rede na que hai cerca dunha trintena de vivendas. Pola outra banda, dentro deste mesmo plan de actuacións tamén se incluíu o asfaltado desde Quintiá ata o límite coa Capela, a pista que leva a Formariz. As obras están orzamentadas en 70.486,08 euros.

O terceiro e último proxecto que se encontra en fase de licitación pública é o referido á pista de Cadavás, de 900 metros, e a que comunica os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, de 1,5 quilómetros. A estes engádense os 100 metros dos enlaces coas vivendas no núcleo de Piñeiros. O orzamento de ambas obras é de 59.824,97 euros.

O sumatorio total destes tres proxectos ascende a 181.129,80 euros que se financiarán con cargo ao POS Adicional 02 da Deputación da Coruña. Estas actuacións foran aprobadas en pleno a principios de ano como previsión, en espera de que o ente provincial xerase fondos para poder levalas a cabo. Posto que San Sadurniño recibirá agora 209.000 euros de achega, o Concello ten previsto investir os case 28.000 euros de diferencia nun proxecto que se levará a pleno, previsiblemente, este mes de xullo.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.