PUBLICIDADE

San Sadurniño suma un oficial de maquinaria ao seu persoal

PorBisbarra

Venres, 2 Maio 2025 ,
O novo oficial de maquinaria de San Sadurniño asinou o contrato no despacho da Alcaldía.O novo oficial de maquinaria de San Sadurniño asinou o contrato no despacho da Alcaldía.

O Concello de San Sadurniño incorporou un novo oficial de maquinaria ao cadro de persoal municipal. As funcións deste posto inclúen o manexo dos tractores e camións do municipio e desenvolver outros labores definidos para a praza na Relación de Postos de Traballo.

A administración local convocou en 2021 unha praza de oficialía de maquinaria para cubrir o posto encargado da condución do camión do lixo, dos tractores e doutros vehículos municipais, ademais de levar a cabo outras tarefas de apoio, principalmente na área de Obras e Servizos.

Nesta convocatoria admitíronse seis persoas presentadas, pero só catro concorreron ao exame teórico. Trala súa celebración, só quedaron dous aspirantes no proceso. Non obstante, a convocatoria quedou paralizada durante dous anos por atrasos do tribunal. Así pois, en febreiro deste ano reiniciouse o proceso selectivo, realizáronse a proba práctica e a entrevista persoal pendentes, e adxudicouse o posto.

PUBLICIDADE

O novo operario municipal terá como cometidos a coordinación e planificación xeral das actividades da área, como a recollida dos residuos sólidos urbanos e os voluminosos, o control da iluminación pública e o coidado de espazos públicos e infraestruturas de abastecemento, entre outros. Ademais, deberá recoller información sobre incidencias, apoiar campañas ambientais, xestionar emerxencias, conducir o camión do lixo e realizar outras tarefas relacionadas co departamento.

Esta contratación cadra no tempo coa resolución doutro procedemento, neste caso de carácter temporal, para cubrir os dous postos ofertados a través do PEL da Deputación da Coruña.

DOUS CONTRATOS TEMPORAIS A TRAVÉS DO PEL

As dúas persoas contratadas polo Concello de San Sadurniño dentro do PEL da Deputación da Coruña xa comezaron esta semana a traballar. Neste sentido, realizan traballos no departamento de Obras e Servizos cun contrato de carácter temporal.

Por unha banda, trátase dun condutor a tempo completo durante seis meses e medio, que se ocupará de guiar tanto no camión do lixo como na maquinaria agrícola municipal. Pola outra banda, un peón especial, que desempeñará durante seis meses labores de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria ou control da rede de abastecemento de auga.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.