As Xornadas de Ilustración Urbana desenvolveranse no marco do VII Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada
O Concello de Santiago vén de presentar, no marco do VII Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un programa de conferencias de balde impartidas por artistas do debuxo e da ilustración galegos, nacionais e internacionais, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o venres 8 e o sábado 9 de novembro a partir das 16:00 horas.
Así, as Xornadas de Ilustración Urbana 2024 teñen programadas un total de sete palestras, tres o sábado das artistas Iwona Flaszczynska (Da observación á interpretación), Pierre Amoudry (Unha viaxe polas cores) e de Alán Ramiro (Cando ti transformas, a túa arte tamén se transforma); e catro o domingo a cargo de Blanca Escrigas (Muralismo ilustrado), Daniel Pagáns (Os meus cadernos. Os meus camiños) Nacho Muñoz (Unha viaxe a través da acuarela) e Joao Catarina (O claro, o difuso e o baleiro). Ademais, durante as xornadas, Blanca Escrigas realizará en directo un mural de 2×2 metros no corredor do Auditorio de Galicia.
Ademais das Xornadas de Ilustración Urbana, abertas á cidadanía compostelá e ás persoas visitantes, o VII Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada ofrece do 7 ao 10 de novembro actividades específicas para 120 ilustradoras e ilustradores que esgotaron no mes de xullo as prazas dispoñibles.
COMPOSTELA ILUSTRADA PERCORRE LUGARES SENLLEIROS
Baixo o lema Volver á Universidade esta nova edición retratará edificios históricos da USC como o Pazo de Fonseca, o Colexio de San Xerome que abeira a Reitoría, as Facultades de Medicina e de Xeografía e Historia ou a Igrexa da Compañía. As persoas participantes no encontro achegaranse tamén aos espazos abertos, residencias e facultades do Campus Vida alén doutros edificios ligados á institución como a Casa Europa ou o Museo de Historia Natural.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, puxo en valor esta iniciativa “que volverá reunir en Santiago artistas da ilustración de moi diversas procedencias para que compartan as súas experiencias e proxectos e fagan da nosa cidade a protagonista dos seus cadernos de viaxe”, indicou a edil que estivo acompañada durante a presentación das xorndas de Gemma Sesar, coordinadora das mesmas, e nas que tamén colaboran a Universidade de Santiago (USC) e a Deputación da Coruña.