O Concello de Vilasantar presentou hoxe reclamacións ante varias entidades para esixir un servizo de telefonía móbil digno. Máis en concreto, fíxoo ante o Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Valedora do Pobo, Telefónica e Vodafone.
Neste sentido, o consistorio actúa en representación da veciñanza e persoas residentes no municipio, que trasladan constantemente problemas de cobertura e datos móbiles á administración local. Non obstante, o Concello de Vilasantar non ten competencias en telecomunicacións, polo que leva anos reclamando ás entidades competentes unha solución.
Xa en 2023 presentaron unha queixa ante a Valedora do Pobo, a Secretaría do Estado de Telecomunicacións e as operadoras principais, así como a mediación da primeira. Porén, a resposta limitábase a animar á veciñanza a presentar reclamacións individuais para realizar presión e axilizar a solución da problemática. Agora, tras anos de problemas coa cobertura móbil, o Concello de Vilasantar reclama que se realice un estudo de cobertura e medición de sinal sobre terreo e que se adopten medidas técnicas urxentes para intensificar e garantir un sinal de telefonía digno, estable e de calidade.
Neste sentido, a administración local salienta a incomunicación e desconexión dixital que sofre a veciñanza por mor do deficiente servizo. “Supón un prexuízo grave para o día a día dos veciños e veciñas, que non se poden comunicar coa súa familia, cos servizos sanitarios, de emerxencias, etc.”.
Asemade, sinalan que provoca un aumento da fenda dixital e a imposibilidade de realizar trámites administrativos, teletraballar ou desenvolver actividades comerciais e agrícolas locais. “Esperamos que as entidades correspondentes, quen ten as competencias sobre este tema, escoiten as nosas reclamacións e actúen urxentemente para solucionar os problemas e garantir un servizo digno”, finaliza o comunicado do Concello de Vilasantar




