O nacionalista Xesús Pereira López, primeiro tenente de alcalde, que asumiu ata onte as Concellarías de Facenda, Promoción Económica, Turismo e Camiño de Santiago, presentou hoxe a súa renuncia no Concello de Melide.
Todo apunta a que ocupará a súa acta nacionalista na vila, Iván Combo, o mozo que se situaba na segunda posición nas listas ás pasadas eleccións.
O goberno melidense asinou un pacto entre Adiante Melide e o BNG o pasado 27 de xullo de 2023, no que a maiores das áreas para Pereira incluíase tamén o acordo de tres dedicacións exclusivas, dúas de 33.000 euros brutos anuais e outra de 35.000 euros.
Outro dos acordos de goberno melidense, era que os nacionalistas establecían a posibilidade de usar unha adicación exclusiva a partir de setembro de 2024, que ata o momento pertencía a Adiante Melide. Todo parece indicar que agora, o nacionalista Iván Combo, ocupará esa adicación, pendente aínda dunha posible reformulación das áreas de goberno municipais.
VOCES CRÍTICAS NO NACIONALISMO COA XESTIÓN DE PEREIRA
É a segunda vez que Xesús Pereira abandona a corporación local, pero desta vez no goberno local melidense. Moitas voces concordantes coa súa ideoloxía política coinciden en apuntar que “foron poucos ou ningúns os froitos recollidos da aportación do goberno nacionalista durante este ano e medio en Melide”. Outros engaden que “podería ter collido xa adicación exclusiva o 1 de setembro tal e como recollía o pacto de goberno, xa pasaron tres meses para poder usar esa adicación e aínda non se fixo uso dela”.