O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, presentou en Santiago a 50ª Festa do Queixo, no seu percorrido por diversas localidades galegas para promocionar esta importante edición na que a celebración gastronómica e cultural cumpre medio século de vida
A 50ª Festa do Queixo de Arzúa chegou onte a Compostela, cidade na que o alcalde de arzuán, Xesús Carril presentou esta nova edición na que cumpre medio século de vida, no seu percorrido por diversas cidades e localidades galegas para promocionar unha celebración gastronómica e cultural que se desenvolverá os días 14, 15 e 16 de marzo.
Durante a presentación en Santiago da 50ª Festa do Queixo de Arzúa o alcalde estivo acompañado pola súa homóloga na capital de Galicia, Goretti Sanmartín, e pola concelleira de Festas e Deportes, Pilar Lueiro. Xesús Carril agradeceu a Sanmartín o apoio institucional á festividade e a súa colaboración para impulsar a promoción deste evento.
Quero agradecer a implicación do Concello de Santiago, que demostra unha vez máis que a cultura galega medra cando traballamos xuntos. A Festa do Queixo non é só de Arzúa, é de toda Galicia” (Xesús Carril, alcalde de Arzúa)
O Concello de Arzúa busca levar a mensaxe desta festa aos maiores lugares posibles, convidando a toda a cidadanía galega a celebrar e participar deste aniversario tan especial da Festa do Queixo. Esta campaña de difusión continuará nos vindeiros días noutros concellos galegos, reforzando o obxectivo de expandir o espírito da Festa do Queixo máis aló das fronteiras de Arzúa.
“Queremos que a xente de todo o país sinta que esta celebración tamén lles pertence. Por iso, seguiremos levando o noso queixo e a nosa cultura a máis puntos de Galicia”, asegurou o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, ao remate da súa intervención.