PUBLICIDADE

O Showcooking do Cocido de Lalín reúne en Lestedo a medio cento de persoas

O restaurador Álex Iglesias foi o encargado da demostración culinaria, iniciativa que é froito do acordo de irmandamento asinado entre a Festa da Filloa de Lestedo e a Feira do Cocido de Lalín

A Carpa Gastro da Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, acolleu o pasado luns o Showcooking de Cocido de Lalín. Unha demostración culinaria a cargo do restaurador da capital do Deza, Álex Iglesias, que reuniu a medio cento de persoas, que forma parte do programa Filloa Cooking da festa declarada de Interese Turístico Nacional, e que é o resultado do acordo de irmandamento asinado por ambas celebracións gastronómicas e culturais.

A presentación do Showcooking de Cocido de Lalín correu a cargo do presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e do concelleiro lalinense Avelino Souto. Na súa intervención, Souto puxo de manifesto a importancia do irmandamento formalizado este ano entre a Feira do Cocido e a Festa da Filloa de Lestedo, salientando o seu vencellamento, toda vez que o produto boqueixonés “ten que ser a principal sobremesa do noso cocido”.

Tanto Canabal como Rodeiro agradeceron ao Concello de Lalín o seu apoio á Festa da Filloa de Lestedo, materializada neste irmandamento, e animaron a veciñanza e visitantes a achegarse este domingo 9 de marzo para gozar da xornada grande da celebración en Lestedo.

PUBLICIDADE

O chef Álex Iglesias sorprendeu aos asistentes coas súas elboracións, baseadas na cociña de aproveitamento, tomando como base o Cocido de Lalín. Así, o primeiro dos pratos foi unha Filloa de Lestedo con orella de porco en tempura e garavanzos crocantes. A esta sorprendente combinación sumouse un Canelón de Filloa de Lestedo con picadillo de Cocido de Lalín. Unha proposta ideal para aproveitar eses restos que quedan do prato e darlle outra forma acompañando co produto boqueixonés por excelencia.

Álex Iglesias puxo fin ao Showcooking preparando unha unha Hamburguesa de garavanzo de Cocido de Lalín sobre Filloa de Lestedo. unha elaboración ideal “para que as crianzas coman legumes”, explicou o chef. Todos os pratos foron harmonizados cos viños da adega Regina Viarum, que tamén estará presente no Cocido da Filloa do domingo 9 de marzo no pavillón de Lestedo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.