PUBLICIDADE

A 63ª Festa do Pulpo do Carballiño estará adicada á súa vila irmá en Italia, Noventa Padovana

A 63ª Festa do Pulpo do Carballiño volverá a elaborar a tapa de pulpo á feira máis grande do mundo, na imaxe a da pasada ediciónA 63ª Festa do Pulpo do Carballiño volverá a elaborar a tapa de pulpo á feira máis grande do mundo, na imaxe a da pasada edición

O Concello do Carballiño amplía este ano a programación da Festa do Pulpo a case 20 días, nos que haberá concertos, actividades culturais e gastronómicas, ademais das citas habituais como a elaboración da tapa de pulpo máis grande ou o concurso de camisetas de peñas

A Festa do Pulpo do Carballiño xa quenta os caldeiros para a súa 63ª edición, a terceira co recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Nesta ocasión, terá o seu día grande o 10 de agosto, o segundo domingo do mes como vén sendo tradición, e estará adicada a Noventa Padovana, a vila italiana irmandada co Carballiño dende o ano pasado.

Esta localidade, de pouco máis de 10.000 habitantes, organiza unha festa anual arredor do cefalópodo, a Fiera del Folpo, na que tamén hai degustacións, concertos, actividades culturais e gastronómicas. Unha irmandande que agromou coa visita da representación italiana á Festa do Pulpo de 2024, e a posterior viaxe da representación do Carballiño á feira de Noventa Padovana.

Agora a vila do Arenteiro rende homenaxe á súa localidade irmá na 63ª Festa do Pulpo do Carballño, nunha aposta do goberno local por afianzar os lazos de colaboración e impulsar a proxección internacional do municipio ourensán.

PUBLICIDADE

A Festa do Pulpo do Carballiño é a romería gastronómica máis concorrida de Galicia, e a segunda máis antiga despois da Festa da Lamprea de Arbo. Ademais, pode presumir de ser, xunto coa Festa do Cocido de Lalín, a única cita gastronómica co recoñecemento de Interese Turístico Internacional.

A organización desta 63ª Festa do Pulpo avanzou que este ano amplíase a habitual programación dunha semana ata case 20 días, nos que a poboación gozará de concertos e actividades culturais e gastronómicas, ademais de citas xa míticas como a elaboración da tapa máis grande do mundo ou o concurso de camisetas das peñas.

Presentación da 63ª Festa do Pulpo en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acollerá este xoves 12 de xuño (12:00 horas) a presentación oficial da 63ª Festa do Pulpo, unha cita na que non faltará a degustación do cefalópodo. A representación do goberno local viaxará á capital española acompañada dunha pulpeira do Carballiño, que prepará o tradicional pulpo á feira na Casa de Galicia. O goberno carballiñés estará acompañado dunha representación institucional de Noventa Padovana, co seu alcalde ao fronte.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.