PUBLICIDADE

O Paseo Literario ‘O Piñor de Carmen Martín Gaite’ desenvolverase o 21 de xuño

Os servizos municipais de limpeza de Barbadás durante a posta a punto dos espazos polos que se desenvolverá este III Paseo LiterarioOs servizos municipais de limpeza de Barbadás durante a posta a punto dos espazos polos que se desenvolverá este III Paseo Literario

A terceira edición do Paseo Literario, que é un dos máis especiais ao realizarse neste 2025, Ano Martín Gaite en Barbadás, achegará aos participantes á vida e obra da escritora, intimamente vencellada a San Lourenzo de Piñor

O III Paseo Literario O Piñor de Carmen Martín Gaite, impulsado polo Concello de Barbadás, se levará a cabo o sábado 21 de xuño a partir das dez menos cuarto da noite. Esta terceira cita dos paseos literarios é, se cabe, a máis especial, ao realizarse neste 2025, Ano Martín Gaite en Barbadás.

Como é habitual, o paseo literario estará guiado polo estudoso David G. Couso, quen achegará aos participantes á vida e obra da escritora, intimamente vencellada a San Lourenzo de Piñor. “Esta localidade é a capital do universo vital e literario de Carmen Martín Gaite”, recordou Ana Peleteiro, concelleira de Cultura, durante a presentación da iniciativa municipal.

O prazo de inscrición para participar no paseo literario permanecerá aberto ata o 18 de xuño. A solicitude poderase realizar a través desta ligazón. Neste terceiro paseo, os participantes recibirán un agasallo do Concello de Barbadás. Ademais, a cita contará coa participación da Banda Cultural Barbadás, e como nas anteriores edicións, o punto de inicio da ruta será o centro social San Lourenzo de Piñor.

PUBLICIDADE

Os servizos municipais de limpeza encárganse estes días de poñer a punto as zonas máis emblemáticas de San Lourenzo de Piñor, nas que o grupo fará paradas para coñecer a influencia desta localidade na vida e obra da autora.

Petición da colaboración da Xunta nos paseos literarios

A tenente alcaldesa de Barbadás, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, mantiveron recentemente unha reunión co director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, para darlle a coñecer o intenso traballo de recuperación e divulgación da relación de Carmen Martín Gaite con Barbadás.

Neste sentido, as concelleiras amosáronlle o traballo realizado nos dous últimos anos, dende os paseos literarios ás actividades organizadas para poñer en valor as novelas da autora nas que o universo literario é Piñor. Por outra banda, regaláronlle un exemplar do libro de David González Couso, así como unha axenda deste ano Carmen Martín Gaite.

En relación á posible colaboración coa Xunta, as edilas plantexáronlle a posibilidade de colocar esculturas da autora, así como a sinalización do paseo literario para que se poida facer durante todo o ano, exposicións fotográficas ou contactar con institucións como a UNED ou a Universidade de Salamanca. Anxo Lorenzo asumiu o compromiso de sumarse ás iniciativas plantexadas, aínda que todavía non concretou a colaboración.

Por outra banda, Peleteiro e Morenza tamén se reuniron con César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, para valorar posibles vías de cooperación coa institución provincial.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.