A Festa dos Maios congregou á veciñanza que participou nun obradoiro, creou estruturas florais, celebrou cun xantar e gozou do espectáculo ‘Os Monifates’
A Baña celebrou a súa Festa dos Maios o pasado domingo, nunha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición, nunha cita cultural, organizada pola concellería de Acción Social, Cultural e de Servizos á Cidadanía que convocou á veciñanza arredor dunha das celebracións máis simbólicas e tradicionais da primavera galega.
A programación da Festa dos Maios deu comezo ás dez da mañá co desenvolvemento dun obradoiro participativo de elaboración de Maios, dirixido polo artista Oli Xiraldez, no que moitas persoas, grandes e pequenas, se achegaron para crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega.
A cativada gozou coa busca das cañas, das flores e descubrindo a montaxe dos Maios en cada un dos seus pasos, ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio elaborado de xeito colectivo que loce xa na praza do Concello.
Debido a inestabilidade meteorolóxica, o xantar veciñal desta Festa dos Maios da Baña tivo que trasladarse ao Centro Social, no que os participantes deron boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa.

Xa pola tarde, os participantes nesta Festa dos Maios asistiron ao espectáculo Os Monifates, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e maiores.
Dende o Concello da Baña destacouse a boa participación da veciñanza e a boa acollida dunha Festa dos Maios que logrou combinar o espírito festivo coa posta en valor das tradicións galegas nun evento interxeracional e no que participaron o alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Acción Social, Mónica González.





