A compañía Desastronauts estivo a pasada fin de semana en Ordes para ofrecer o seu espectáculo Circo doble expresso. Trátase do quinto espectáculo deste tipo ideado polos artistas Raquel e Girisho, cunha experiencia de máis de 20 anos de traxectoria circense contemporánea ás súas costas.
A función, que tivo que cambiar o seu emprazamento inicial por mor das condicións meteorolóxicas, estivo dirixida a un público familiar. Finalmente foi no polideportivo Castelao I no que os asistentes puideron gozar desta peza na que dous artistas compiten entre si tratando de demostrar quen é o mellor en materia circense.
Acrobacias, funambulismo e moito humor déronse a man nesta cita englobada no programa Burbullas da Cultura, iniciativa organizada pola Xunta de Galicia e que contou coa colaboración do Concello de Ordes.



