O Concello de Ames, que pechou a piscina do Milladoiro o 15 de xullo polo desprendemento do liner, tiña previsto abrir hoxe as instalacións, mais por mor dos danos, maiores do previsto inicialmente, iranse abrindo zonas de xeito paulatino e garantindo a seguridade dos usuarios
O Concello de Ames informou esta mañá que se seguen a efectuar os traballos de reparación na piscina municipal do Milladoiro, que permanece pechada dende o pasado martes 15 de xullo debido ao desprendemento do liner. Con todo, iranse habilitando zonas da instalación paulatinamente. Deste xeito, prevese que entre mañá e pasado, se abra ao público a piscina pequena xunto co perímetro de lecer.
O Concello de Ames avanzou que ao longo da semana continuarán os traballos de reparación na piscina para que, unha vez se volva a abrir ao público a instalación, sexa con todas as garantías de seguridade. Este retraso na reapertura prevista para hoxe, luns 21 de xullo, débese a que os danos da infraestrutura resultaron maiores do previsto inicialmente.
A piscina municipal do Milladoiro permanece pechada dende o pasado martes, 15 de xullo, cando se detectou unha incidencia provocada polo desprendemento do liner que cubre o interior da piscina. As previsións iniciais eran abrir a instalación hoxe, mais unha vez que foron avanzando os traballos de reparación e selado, comprobouse que a incidencia era máis complexa do analizado inicialmente. As obras de reparación non suporán ningún tipo de custo para as arcas municipais debido a que a citada obra se encontra en garantía.
Por outra banda, dende o Concello de Ames indicaron tamén á cidadanía que xa se iniciaron os trámites para a elaboración dun proxecto de ampliación da piscina municipal do Milladoiro que se axuste á realidade poboacional da localidade e que teña en conta o crecemento previsto para os vindeiros anos.




