PUBLICIDADE

A Cidade do Deporte A Malata bota a andar tras sacar o Concello a licitación da primeira fase

A Xunta de Goberno de Ferrol vén de sacar a licitación a primeira fase de obras para a construción da Cidade do DeporteA Xunta de Goberno de Ferrol vén de sacar a licitación a primeira fase de obras para a construción da Cidade do Deporte

A licitación da primeira fase para a construción da Cidade do Deporte A Malata é por un importe de 256.544 euros, un proxecto que busca corrixir o illamento do recinto de Fimo, xerando un gran parque urbano que una o pavillón da Malata co estadio

A Cidade do Deporte A Malata de Ferrol está cada vez máis preto, despois de que o pasado día 15 de xullo, a Xunta de Goberno local aprobara sacar a licitación os servizos de coordinación integral e dirección de obra e de coordinación de seguridade e saúde das obras do proxecto básico e de execución da Cidade do Deporte nas instalacións de Fimo, por un importe de 256.544,43 euros.

Estas obras da Cidade do Deporte inclúense no convenio de colaboración asinado o 2 de febreiro de 2024 entre a Consellería de Deportes e o Concello de Ferrol, e son susceptibles de ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa plurirrexional de España 2021-2027.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, lembrou que “ata o 29 de xulllo as empresas poden presentar as súas ofertas para levar cabo esta primeira fase en Fimo, cun orzamento que supera os seis millóns de euros”, que serán asumidos ao 50% polo Concello de Ferrol e a Consellería de Deportes.

PUBLICIDADE

De maneira paralela, o Concello segue avanzando e aprobou a licitación da dirección de obra, dividida en dous lotes: lote 1, Servizos de arquitectura, enxeñería e planificación, Supervisión do traballo de construción e Servizos de supervisión de obras, por un importe de 220.265,42 euros; e lote 2 Servizos de saúde e seguridade por 36.279,01 euros. En total, para este servizo destinaranse 256.544,43 euros.

Un gran parque que une os tres recintos da Cidade do Deporte

O proxecto da Cidade do Deporte ten por obxecto corrixir o illamento do recinto de Fimo, xerando un gran parque urbano que una o pavillón da Malata co estadio, articulando novas sendas peonís que unan os tres recintos.

Entre as actuacións previstas, xa publicadas, está demolición de edificacións como a antiga nave na que se atopaba Protección Civil, as instalacións abertas situadas ao norte do pavillón 1, o pavillón 4 e o antigo auditorio. Isto permitirá liberar o espazo suficiente para permitir unha conexión rodada entre a estrada da Malata e o vial que circunvala Fimo.

Nos pavillóns 1, 2 e 3 están previstas novas envolventes, con novas cubertas xerando unha nova fachada de chapa de aluminio lacado e paneis de madeira cemento. Os espazos interiores ábrense ao novo parque a través de grandes superficies vidriadas que permiten integrar a natureza na práctica dos deportes no interior das edificacións. O pavimento será para multideporte no 1 e no 3 para fútbol sala e baloncesto. Haberá pavimento de alta dureza no pavillón 2 para patinaxe.

En canto ao pavillón 5, este espazo converterase nun moderno pavillón polideportivo cun aforo fixo de 1.312 prazas, o segundo máis grande da cidade, que poderán incrementarse coa instalación de gradas desmontables para grandes eventos. A actuación contempla novos vestiarios, zonas de almacenamento e aseos. Nesta superficie, o pavimento é de madeira para competición de alto nivel.

No pavillón 6 da Cidade do Deporte intervirase na fachada cara á Malata, eliminando o soportal metálico existente e executando un novo. Cun programa multideporte destinado a esgrima, ximnasia, artes marciais, exponse establecer unha planta o máis diáfana posible e dotala de luz cenital a través dun gran lucernario. Ademais, crearanse dous novos vestiarios accesibles e reordénanse os usos.

No pavillón 7, óptase por acondicionar a planta baixa do edificio actualmente inacabado (ao norte do actual edificio de usos administrativos) como nova ubicación para Protección Civil. E, no que se refiere ao pavillón 8, que é o antigo pavillón de Mariña, este será rehabilitado debido ao seu valor patrimonial. Tras as obras, este espazo destinarase á práctica de boxeo, así como outros usos que definirá o Concello. Ademais, haberá tres pistas exteriores para fútbol e baloncesto. O prazo de execución é de 18 meses, e o obxectivo é que no último trimestre deste ano poidan comezar as obras.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.