PUBLICIDADE

A EFA Piñeiral dá o pistoletazo de saída ás actividades previas á Festa do Queixo

A EFA Piñeiral de acolleu o comezo das actividades previas á 50ª Festa do Queixo de Arzúa, cunha masterclass e un showcooking do chef Álex IglesiasFoto familia dos participantes no EFA Piñeiral do comezo das actividades previas á 50ª Festa do Queixo de Arzúa, cunha masterclass e un showcooking do chef Álex Iglesias

A EFA Piñeiral de Arzúa acolleu unha masterclass e un showcooking do chef Álex Iglesias que elaborou receitas co queixo de Arzúa-Ulloa como protagonista

A EFA Piñeiral de Arzúa deu, onte martes, o pistoletazo de saída ao programa de actividades previas á celebración da 50 Festa do Queixo de Arzúa, o 14, 15 e 16 de marzo, coa organización dunha masterclass e dun showcooking a cargo do chef Álex Iglesias, que mostrou ao alumnado do centro asistente a versatilidade dun produto como é o Queixo de Arzúa-Ulloa

Así, un ano máis, o centro de formación profesional e promoción rural, Efa Piñeiral, acolleu o inicio das actividades previas á programación oficial do 50 aniversario da Festa do Queixo de Arzúa. Álex Iglesias impartiu para o alumnado a masterclass Algo máis que queixo, co Arzúa-Ulloa D.O.P. como protagonista, e amosou durante o showcooking as múltiples posibilidades que ten na cociña o queixo Arzúa-Ulloa como entrante, prato principal ou mesmo de sobremesa, potenciando as maridaxes con outros produtos locais como o grelo, o lacón ou os ovos.

O contraste de temperatura é capaz de sorprender en boca cos moitos matices do queixo Arzúa-Ulloa, sen necesidade de recurrir a “trampantojos. O noso queixo ten moita personalidade pola súa textura e cremosidade, é capaz de elevar calquer elaboración” (Aléx Iglesias, chef)

O chef Álex Iglesias realizou tres receitas para o alumnado da EFA PIñeiral: Ensalada morna de queixo Arzúa-Ulloa á grella, confitura de tomate e ovo encurtido; Ñoquis de queixo Arzúa-Ulloa e pataca con carbonara de lacón con grelos; e a sobremesa Milfollas de crema de Arzúa-Ulloa, froitos secos e confitura de froitos vermellos.

PUBLICIDADE
O chef Álex Iglesias que deu o pistoletazo de saída na EFA PIñeiral ás actividades previas á 50ª Festa do Queixo de Arzúa
O chef Álex Iglesias que deu o pistoletazo de saída na EFA Piñeiral ás actividades previas á 50ª Festa do Queixo de Arzúa

Durante a xornada de hoxe mércores, a EFA Piñeiral acolleu tamén unha cata comentada do queixo Arzúa-Ulloa D.O.P., a cargo de Óscar Pérez, secretario do Consello Regulador. Asemade, o alumnado do ciclo de educación infantil do centro liderará nas vindeiras semanas varios obradoiros de sensibilización sobre o queixo e os recursos locais nos centros educativos da vila.

O noso centro ten vocación de servir á promoción do noso territorio e dos nosos profesionais; por iso eventos como a Festa do Queixo supoñen para nós unha cita imprescindible” (Raquel Carregal, directora da EFA Piñeiral de Arzúa)

A Efa Piñeiral estará tamén presente con stand propio na feira desta 50 edición da Festa do Queixo. Durante o sábado e o domingo, no que se desenvolverá a exposición das elaboracións do ciclo de panadaría e repostaría, demostracións de pastelaría a cargo do alumnado do centro, concursos e moitas sorpresas máis.

O alumnado da EFA Piñeiral durante a masterclass do chef Álex Iglesias co gallo da 50ª Festa do Queixo
O alumnado da EFA Piñeiral durante a masterclass do chef Álex Iglesias

Unha Superavoa Queixeira formará parte da paisaxe urbana de Arzúa co gallo da Festa do Queixo

Unha Superavoa Queixeira, obra do artista e muralista Yoseba MP, pasará a formar parte da paisaxe urbana do concello de Arzúa. Onte mesmo, Yoseba MP iniciou o mural que está inspirado na súa serie artística Fenómenos do Rural, e que vai pintar co gallo da 50ª Festa do Queixo de Arzúa.

O artista, que estivo acompañado polo alcalde, Xesús Carril e polos concelleiros Lucía López e Daniel Moscoso, explicou que para realizar este mural, inspirouse en María Rodríguez Pazos, unha veciña da parroquia de San Martiño de Arzúa, que leva toda a vida facendo queixos, representando o labor de tantas mulleres que, con esforzo e saber tradicional, puxeron o queixo no mapa mundial.

O artista Yoseba MP e o alcalde Xesús Carril, segundo e terceiro pola dereita, cos concelleiros Lucía López e Daniel Moscoso, xunto ao espazo no que irá o mural da ‘Superavoa Queixeira’

Esta intervención pictórica, explicou Yoseba MP, busca recoñecer o esforzo das queixeiras, que ao longo dos anos contribuíron a facer da Festa do Queixo de Arzúa un referente gastronómico e cultural. Ademais, as mulleres queixeiras terán un papel central na programación da festa, xunto coa homenaxe ás persoas pioneiras que fixeron posible que a Festa do Queixo chegue aos seus 50 anos de historia.

O mural poderá contemplarse nos vindeiros días a medida que avance o proceso de creación. A súa finalización deixará en Arzúa unha testemuña visual do legado e importancia das mulleres queixeiras, converténdose nun novo punto de interese para veciñanza e visitantes.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.