PUBLICIDADE

O VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre sube ao podio a Nerea Castro e a Jorge Puig

Os máis rápidos no trail curto, primeiro Campionato Xunta de Galicia Trail Running Preclassic, foron a lucense Emma Méndez e o naronés Jaime García

O VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, en Ames, congregou, o pasado domingo 23 de febreiro aos 672 inscritos na proba, superando amplamente a participación das edicións anteriores, e que se disputou nas modalidades: trail longo, trail curto I Campionato Xunta de Galicia Trail Running Preclassic, e Andaina.

O VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, organizado conxuntamente polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, comenzou ás 10:00 horas coa saída do trail longo de 16 Km no emblemático lugar de Ponte Maceira, e os participantes tiveron que completar un percorrido polos espazos naturais do municipio amesán con chegada nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro.

Cinco minutos máis tarde iniciouse a andaina de 15 quilómetros, tamén dende o Real Aeroclub, e os participantes na modalidade de trail curto I Campionato Xunta de Galicia Trail Running Preclassic, sobre unha distancia de 8 quilómetros, partiron ás 10:25 horas dende outro lugar senlleiro do concello, a praia fluvial de Tapia.

PUBLICIDADE

Os máis rápidos en completar os 16 quilómetros do trail longo na categoría absoluta, foron a subcampioa do ano pasado, Nerea Castro, e Jorge Puig, que completaron a súa participación parando o cronómetro en 01:35:26 e 01:17:23 horas, respectivamente. Ao segundo caixón do podio subíronse María Elisa Costas (01:42:21 horas) e Damián González (01:17:23 horas). As medallas de bronce conseguíronas Lucía Peón (Atletismo Arenteiro) cun tempo de 01:44:54 horas, e Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados, que foi o vencedor na edición do trail do ano pasado.

Nesta edición, o trail curto formou parte do I Campionato de Trail Running Preclassic, cita na que os deportistas compiten pola súa clasificación a nivel nacional. Así, Eloy Martínez acadou o primeiro posto no grupo masculino, cun tempo de 37:47 minutos. Pola súa banda, Nuno Moure e Adrín Sesar acadaron o segundo e o terceiro posto cunhas marcas de 40:13 e 40:19 minutos, respectivamente.

No grupo feminino, a vencedora do trail curto foi Emma Méndez, da Escola Atlética Lucense, que completou a distancia cun tempo de 42:55 minutos. A segunda e a terceira praza foron para Sanda González, tamén da Atlética Lucense, e Julia Salvado, da Sociedade Deportiva Compostela Atletismo, cuns tempos de 43:37 e 45:37 minutos, respectivamente.

Equipos gañadores do trail curto Ribeiras do Tambre

Na clasificación por equipos, o Club Atletismo Cambados acadou por terceiro ano consecutivo o primeiro posto no trail longo, cunha puntuación de 73 puntos, seguido do Club Atletismo Tambre con 284 puntos, e Atletismo Arenteiro no terceiro lugar do podio, con 342 puntos. En canto á clasificación por equipos no trail curto, o primeiro posto foi para o Club Deportivo Delikia, que acadou 15 puntos, mentres que a segunda posición foi para a Sociedade Deportiva Compostela Atletismo, con 57 puntos e, no terceiro posto, o Comesaña Sporting Club con 77 puntos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.