Esta edición do VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre do Concello de Ames formará parte do Galicia Trail Running traendo aos mellores deportistas desta disciplina
O VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que organizan o Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo o 23 de febreiro, pechará o seu prazo de inscrición o vindeiro mércores 19 de febreiro. Esta edición do trail amesá formará parte do Galicia Trail Running Series o que permitirá desfrutar dos mellores deportistas desta disciplina, como a campioa do mundo Sub-18, Sandrá González Fernández, que conseguiu o ouro na Copa Internacional de Trail en Aguilar de Campoo o pasado mes de xuño.
O día da presentación do VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, o pasado 7 de febreiro, segundo a organización, as inscricións xa superaban os 150 deportistas, e agardan que ao peche da mesma supérense os 522 inscritos da pasada edición dunha proba que terá o seu punto de partida en Ponte Maceira contra as 10:00 horas, e a chegada, tras percorrer os 16 quilómetros, no Real Aero Club de Santiago.
A principal novidade deste VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, ademais de formar parte do Galician Trail Running Series, será a inclusión da proba no I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic. Os interesados en participar poden formalizar as súas inscricións a través da páxina web Carreiras Galegas antes do 19 de febreiro.
Horarios e distancias do VI Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
Os participantes no trail, cunha distancia de 16 Km, tomarán a saída ás 10:00 horas, mentres que os da andaina, sobre unha distancia de 15 quilómetros, partirán cinco minutos máis tarde. A chegada para ambas modalidades estblecerase nas instalacións da Ameixenda do Real Aero Club de Santiago.
Asemade, nesta nova edición volverá a realizarse unha proba de trail curto, percorrendo 8 quilómetros, mais con saída na praia fluvial de Tapia ás 10:25 horas. Os participantes nas tres modalidades serán trasladados en autobús dende o Real Aero Club aos seus respectivos puntos de saída ás 8:15 horas.
Dende a organización do trail informan que todos os atletas que participen no Campionato Xunta de Galicia deberán formalizar as súas inscricións a través desta páxina web, no caso de querer optar aos premios do trail popular, terán que inscribirse na web de Carreiras Galegas como o resto de participantes.
En canto ás categorías, no trail longo haberá catro: sénior masculino e feminino (dos 18 ata os 34 anos); máster 1 masculino e feminino (de 35 a 49 anos cumpridos o día da proba); máster 2 masculino e feminino (de 41 a 49 anos), e máster 3 masculino e feminino (persoas con máis de 50 anos). Para o trail curto, establécense tres categorías: sénior masculino e feminino (persoas nadas no 2007 e anteriores); Sub-16 masculino e feminino (nados entre o 2010 e 2011), e Sub-18 masculino e feminino (nados entre 2008 e 2009).
No caso da andaina, non se establecen categorías de participación, mais a idade mínima é de 12 anos. Os menores que participen na andaina, deberán de ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta maior de 18 anos.