PUBLICIDADE

A chef Lucía Freitas será a pregoeira da 50ª Festa do Queixo

A chef Lucía Freitas, que será a pregoeira da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, co alcalde da vila, Xesús CarrilA chef Lucía Freitas, que será a pregoeira da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, co alcalde da vila, Xesús Carril

O Concello de Arzúa elixiu a Lucía Freitas como pregoeira da Festa do Queixo, os días 14, 15 e 16 de marzo, por encarnar á perfección os valores desta celebración que homenaxea ás mulleres queixeiras e aos pioneiros da festa

A medida que se achegan as datas da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, os días 14, 15 e 16 de marzo, non se paran de suceder as novas por parte da organización e do Concello. Nesta ocasión, o alcalde arzuán, Xesús Carril, foi o encargado de anunciar que a chef Lucía Freitas, estrela Michelín e referente da gastronomía galega e internacional, será a pregoeira desta edición tan especial o sábado 15 de marzo ás 12:00 horas.

Xesús Carril asegurou, durante o anuncio da pregoeira desta edición da Festa do Queixo, que cumpre medio século de vida, que Lucía Freitas “co seu talento, coa sua paixón pola tradición e compromiso coa sustentabilidade encarna á perfección os valores desta celebración”, que este ano homenaxea ás mulleres queixeiras e ás persoas pioneiras que fixeron posible que a festa chegue ao seu 50 aniversario.

Lucía Freitras, propietaria dos restaurantes A Tafona (estrela Michelín e dous Soles Repsol) e Lume, é unha firme defensora do produto local e da cociña de proximidade. En 2024, A Tafona recibiu tamén o Sol Sostible como recoñecemento ao seu compromiso coa gastronomía respectuosa co medio ambiente, e que se suma aos numerosos premios recibidos pola chef.

PUBLICIDADE

Dende a organización da Festa do Queixo de Arzúa, destacan que a elección de Lucía Freitas como pregoeira é un tributo á excelencia, á tradición e á innovación, principios que definen tanto á súa traxectoria como a esencia do Queixo Arzúa-Ulloa D:O:P.

Tras a lectura do pregón, o sábado 15 de marzo ás 12:00 horas, Lucía Freitas realizará un showcooking especial no que demostrará a súa mestría reinterpretando o Queixo de Arzúa nunha experiencia única. Unha actividade que contará cun aforo limitado a 50 persoas e a entrada será por orde de chegada.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.