A filloa de Lestedo e os atranques dos Xenerais da Ulla participaron por primeira vez no día grande do Cocido de Lalín, froito do acordo de irmandamento asinado o pasado 1 de febreiro
A filloa de Lestedo e os atranques dos Xenerais da Ulla participaron por primeira vez na Feira do Cocido de Lalín, que sumou a pasada fin de semana a súa 57ª edición. Unha participación que é froito do acordo de irmandamento asinado polos alcaldes dos Concellos de Boqueixón e Lalín, Ovidio Rodeiro e Xosé Crespo, o pasado 1 de febreiro.
Así, os Xenerais da Ulla participaron no desfile da LVII Feira do Cocido de Lalín e desenvolveron un atranque, a cargo de Uxía e José Canabal, xenerais de Boqueixón, a lomos dos seus respectivos cabalos. Ademais, o alcalde Ovidio Rodeiro aproveitou a súa presenza no palco de autoridades para promover o consumo de filloas de Lestedo entre persoeiros como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o embaixador de Xapón, Takahiro Nakamae; o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzao, outros representantes do Goberno galego e os novos comendadores do Cocido.
O alcalde de Lalín salientou a “emotiva irmandade entre o Cocido de Lalín e a Festa da Filloa de Lestedo, arroupada polos xenerais da Ulla, que terá a súa contrapartida o próximo 9 de marzo” , xa que, mediante este acordo de irmandamento, durante a xornada grande da XLII Festa da Filloa de Lestedo, o domingo 9 de marzo, está programado o Cocido da Filloa. Trátase dun xantar elaborado polo chef do restaurante Cabanas de Lalín, Álex Iglesias, que comezará ás 14:30 horas no pavillón de de Lestedo.
As persoas interesadas en participar no Cocido da Filloa de Lestedo terán que realizar unha reserva previa, e o prezo é de 37 euros para persoas adultas, 12 euros para o menú infantil (de 6 a 12 anos) e de balde para os menores de 6 anos. As inscricións poden realizarse ata o 4 de marzo a través da web da festa www.festadafilloadelestedo.gal.
Ademais, tamén en virtude do acordo de ermandamento, o luns 3 de marzo ás 19:00 horas no local social de Lestedo, o chef do Restaurante Cabanas de Lalín, Álex Iglesias, protagonizará un showcookin co cocido e as filloas como protagonistas . A entrada é de balde, mais é preciso realizar a inscrición a través da web da XLII Festa da Filloa de Lestedo.







