O irmandamento entre a Festa da Filloa de Lestedo e a Feira do Cocido de Lalín foi asinado o primeiro de febreiro polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e polo de Lalín, Xosé Crespo
O irmandamento entre dúas das celebracións gastronómicas e culturais máis senlleiras de Galicia, a Festa da Filloa de Lestedo e a Feira do Cocido de Lalín, xa é unha realidade despois de que o pasado 1 de febreiro, o alcalde do Concello de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o da capital do Deza, Xosé Crespo, asinaran, no marco da IV Feira Internacional de Apicultura de Lalín, o acordo de irmandamento.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu o traballo tanto da Asociación Cultural Festa da Filloa de Lestedo como do Concello de Lalín para a sinatura deste protocolo xa que “hoxe a Festa da Filloa gaña un irmán maior: a primeira festa gastronómica que consegue ser distinguida como de Interese Turístico Internacional. Todo un espello no que mirarse e ao que imitar”.
Alguén entendería un Entroido en Galicia sen filloas ou sen cocido? É impensable. Aínda que a filloa é unha das sobremesas típicas do Cocido, os amigos da Asociación Cultural da Filloa demostraranvos que é moito máis cun doce” (Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón)
Rodeiro tamén empregou ao escritor e intelectual Álvaro Cunqueiro para vencellar ambas celebracións tras este irmandamento, que foi o primeiro pregoeiro da Feira do Cocido de Lalín, “que elevou á categoría de sacramento esta celebración e quen dicía que non se debía autorizar a ningún restaurante a chamarse galego, se antes non aprobaba o exame da filloa“.
Xosé Crespo, pola súa banda, salientou que para visibilizar este irmandamento “desenvolveuse no marco desta Feira de Apicultura un showcooking con distintas elaboracións da Filloa de Lestedo” e anunciou que os Xenerais da Ulla, que son unha parte esencial da Festa da Filloa, estarán presentes no desfile da Feira do Cocido o 23 de febreiro. E Lestedo, no seu día grande da Filloa, o domingo 9 de marzo, preparará un cocido de Lalín como menú principal do seu xantar oficial”.

Participantes no acto de irmandamento
No acto de sinatura do irmandamento, ademais dos alcaldes, tamén participaron o presidente da Asociación Cultural Festa da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; o co-oganizador da feira Alvariza, David Liñares; o concelleiro de Turismo de Boqueixón, José Luís Mareque; o seu homólogo de Lalín, Avelino Souto; o director do Agacal, Martín Alemparte; e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, entre outras autoridades.



