O Concurso de Entroido do Concello de Rois se desenvolverá o vindeiro 1 de marzo e o prazo para inscribirse comeza hoxe e remata o vindeiro 14 de febreiro
O Concurso de Entroido do Concello de Rois repartirá este ano máis de 1.800 euros en premios. Un concurso que se desenvolverá o vindeiro sábado 1 de marzo cunha gran festa no pavillón municipal e o posterior desfile tradicional polas rúas do municipio.
As persoas, grupos e comparsas que queiran participar no Concurso de Entroido deberán inscribirse previamente cubrindo o formulario que estará dispoñible na páxina web www.rois.gal. O prazo para formalizar a inscrición comeza hoxe día 5 e remata o vindeiro venres 14 de febreiro.
O Concurso de Entroido arrincará ás 16:00 horas diante da Casa do Concello coa recollida de dorsais das persoas participantes, que poderán concorrer en ata seis categorías diferentes: infantil individual ata 12 anos, individual de 12 anos en adiante, parella ou trío, comparsa infantil e comparsa (para grupos de ata 12 membros) e comparsa de 13 membros ou máis. Para axilizar a saída, aquelas persoas que o desexen poderán retirar os dorsais no Multiusos os días 26, 27 e 28 de febreiro, en horarios de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
No caso das comparsas, ao facer a inscrición no Concurso de Entroido deben facer constar unha persoa representante, da que se indicará nome completo, número de contacto e NIF de quen ha de asinar a solicitude e un compromiso de responsabilidade. Tamén deberán entregar o certificado do número de conta bancaria.
O desfile partirá dende a Casa Consistorial e percorrerá as rúas de Rois ata o polideportivo municipal, no que os concursantes gozarán de tempo para presentarse coas súas actuacións ante o público e o xurado. A festa continuará, ademais de coa entrega de premios, cunha merenda na que non faltarán as larpeiradas propias do Entroido grazas ás asociacións veciñais e unha sesión de baile, que amenizará o Dúo Reflejos.
Valoracións do xurado do Concurso de Entroido
O xurado do Concurso de Entroido valorará aspectos como a orixinalidade, a utilización de materiais de refugallo ou a posta en escena. A maiores dos premios do concurso xeral, concederanse outros tres para recoñecer o traballo e o espírito entroideiro das comparsas locais, entendidas como tales aquelas nos que polo menos o 75% das persoas participantes estean empadroadas en Rois.