O prazo para formalizar a inscrición remata o 28 de febreiro e repartiranse 1.200 euros en premios entre os gañadores do concurso de disfraces de Entroido
O Concello de Frades vén de abrir a inscrición no concurso de disfraces de Entroido que se desenvolverá o vindeiro domingo 2 de marzo no pavillón municipal de Ponte Carreira a partir das 17:00 horas. A participación está aberta a persoas de todas as idades e as inscricións poderán realizarse ata o 28 de febreiro ás 13:00 horas no Concello, tanto de xeito presencial como telemático. Os participantes poderán recoller os seus dorsais no propio pavillón o día do concurso a partir das 16:30 horas.
O concurso de disfraces de Frades, que repartirá un total de 1.200 euros en premios, contará con dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades en cada unha: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes).
O concurso outorgará, na categoría infantil, premios de 60 e 30 euros para os dous mellores disfraces individuais, e de 10, 60 e 30 euros para os tres mellores grupos. Pola súa banda, na categoría de adultos, a modalidade individual contará con dous premios de 100 e 50 euros, mentres que a de grupo terá un primeiro premio de 300, un segundo de 150, e un terceiro de 75 euros.
Como en edicións anteriores, o concurso de disfraces tamén repartirá premios especiais aos mellores disfraces individuais ou grupos de Frades de 125, 75 e 50 euros para aqueles que non foran premiados noutra categoría. Ademais, ao longo da tarde, haberá unha gran festa de animación con xogos, inchables, mascotas, música, obradoiros para toda a familia, fotomatón e unha chocolatada con rosca.




